Patrocinado por

Xosé María López Fernández: «Hai que coñecer ben o pasado para non volver repetir os mesmos erros no futuro»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

VEN A GALICIA

Afirma que «para que o patrimonio cultural se valore, o primeiro é visibilizalo»

19 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé María López Fernández (As Pontes de García Rodríguez, 42 anos), documentalista e xestor cultural, é o máximo responsable de Cultureume. Afirma que «hai que coñecer ben o pasado para non volver repetir os mesmos erros no futuro», e está firmemente convencido de que a sociedade, no seu conxunto, ten que xogar un papel fundamental na preservación do patrimonio cultural.

—E, para esa sociedade, a cultura é hoxe un valor en alza?

—Depende de que entendamos por cultura. Unha cousa sería falar só da arte e dos espectáculos, e outra moi distinta falar tamén do patrimonio cultural. Pero, en xeral, a resposta ten que ser afirmativa. Hoxe valórase a cultura, afortunadamente, moitísimo máis do que se valorou noutros tempos. E no que atinxe, especificamente, ao patrimonio cultural, non podemos esquecer que, para que se valore, o primeiro que hai que facer é visibilizalo. É dicir, dalo a coñecer.

—E co patrimonio etnográfico, en concreto, que é o que vai acontecer?

—O patrimonio etnográfico, por sorte, tamén está cada vez máis protexido e máis valorado. Na nosa comarca temos dous exemplos de iniciativas magníficas: os museos etnográficos creados na Capela e nas Pontes: o Museo do Pazo da Capela e o Museo Monte Caxado. Que ademais teñen a singularidade, e polo tanto outro valor engadido máis, de teren xurdido ao abeiro dun centro educativo. Na miña opinión, é fundamental que as novas xeracións poidan coñecer a vida dos seus devanceiros.

«A figura de Federico Maciñeira merece un recoñecemento que aínda non recibiu»

Xosé María reivindica constantemente a figura de Federico Maciñeira y Pardo de Lama (1870-1943), o investigador que entre finais do século XIX e comezos do XX logrou identificar o emprazamento de centos de túmulos megalíticos. Afirma que «a figura de Federico Maciñeira merece un recoñecemento que, a día de hoxe, aínda non recibiu».

—Ás veces somos moi ingratos...

—Desde logo! A min paréceme moi inxusto que a figura de Federico Maciñeira non estea reivindicada como de verdade merece. E mira que se fixeron intentos de crear algo que estivese á altura do seu legado. Pero, por unha cousa ou por outra, nunca puido saír adiante. Esa é unha gran asignatura pendente que temos todos. Federico Maciñeira investigou e defendeu os vestixios arqueolóxicos das terras do Ortegal e do Eume.

—Cun esforzo, ás veces, titánico.

—Así é. Sen el, moito do patrimonio arqueolóxico destas terras tería desaparecido para sempre. Pero a súa figura segue sendo cuestionada en certos sectores, porque traballou con criterios que no eran os de hoxe. Pero que ía facer...? Viviu os tempos que viviu e tivo os medios que tivo.

—Parece incrible que no noso tempo aínda se siga perdendo patrimonio arqueolóxico.

—É algo que por fortuna acontece cada vez menos, porque agora existe unha protección legal para ese patrimonio que antes non había. Aínda así, a destrución ten sido inmensa, e en Galicia perdemos moitísimos restos arqueolóxicos que, por desgraza, desapareceron para sempre.