Un óso de dinosauro, unha antiga lámpada do faro de Fisterra e catrocentos botes de area e pedras de todo o mundo: os tesouros que garda na Galería
20 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A historia de Roberto é unha historia de «fisterranía», ese concepto intanxible, de absoluta pertenza, do que falan os fisterráns ao referirse á súa terra. É taberneiro, implícase na actividade cultural, escribe e camiña, sobre todo, camiña. Namorado dos itinerarios xacobeos, fixo o francés, o Primitivo, o sanabrés ou o portugués, e varios deles en varias ocasións. Tanto lle gusta peregrinar e tratar con peregrinos, que no 2008 montou o seu propio albergue na fin do mundo, aínda que a xoia da coroa é A Galería, o bar que abriu no 1998 e que a estas alturas é o máis especial da vila. Segundo el mesmo di, é un lugar con «alma propia».
Nestes 24 anos, forasteiros e camiñantes foron deixando obxectos de recordo entre esas paredes da rúa Real. Ten un óso de dinosauro que veu de Castellón, unha vella lámpada do faro de Fisterra, cunchas, matrículas, discos, fotografías, pinturas orixinais de innumerables artistas e «catrocentos botes de areas e pedras de tódalas partes do mundo», indica o propio Traba. Xa apenas quedan ocos neses muros, «pero aínda queda moito tellado por cubrir!», bromea Roberto, que engade: «Cando a xente deixa algo de bo corazón búscolle sitio».
Quizais non sexa o local coa mellor ou máis moderna decoración de Fisterra, pero supura personalidade. É fogar, para el e para moitos dos que se achegan ata alí cada día para recibir algo desa «psicoloxía de taberneiro» de Traba. «Nese sitio paso o 80 % da miña vida, así que quería sentirme como na casa, e que os clientes tamén o sentisen», explica o fisterrán, que cando se embarcou neste proxecto tiña «25 anos menos e moitas ganas de implicarme na actividade e nas cousas do pobo».
E vaia se o fixo. Ademais de acoller exposicións, tertulias ou concertos no propio bar, Roberto impulsou innumerables actividades culturais na localidade. É o caso do Encontro Pirata, que rememora a chegada dos piratas comandados por Harry Paye a Fisterra a principios do século XV. Saqueárona por aquel entón e no 2008 unha comitiva do pobo inglés de Poole visitou a vila para devolver unha cruz que fora roubada por Paye e compañía. Este feito fortaleceu os vínculos entre ambas localidades e deu lugar a unha festa que xa vai pola oitava edición e que inclúe unha recreación do desembarco dos corsarios e da toma do castelo.
É común ver a Roberto caracterizado de saqueador, ou de todo tipo de figuras cando chega o entroido, máis a personaxe á que ten máis apego é ao druída no que se converte para conxurar esas queimadas que namoran aos visitantes no verán. «É un momento especial, pero en tempada baixa non as fago porque procuro chegar cedo á casiña. O corpo xa non aguanta estar 24/7 no bar», di, ao tempo que recoñece que «á xente gústalle que se faga algo diferente». De aí esa inquietude por darlle á Galería personalidade propia, por coleccionar durante anos obxectos, recordos e memorias. Ten sete libros de visitas nos que os peregrinos deixan impresións, debuxos, sinaturas... «O primeiro desapareceume, pero a saber a xente que pasou por aquí... Ata puido ter pasado algún famoso vestido con farrapos de peregrino e non telo recoñecido!», sinala.
Non foi un labor fácil, mais recoñece que lle ten dado moitas satisfaccións e agarda que nun futuro, cando el se retire, llas siga dando tamén á súa filla. «Quizais entón lle dedicarei máis tempo ao albergue, non o sei, pero por agora aquí seguirei. Na porta do bar teño posto que aquí sirvo ‘‘tapas e conversa'', e así é. Coñecín a moita xente e ata escribín tres libros servindo café», rememora. Trátase de Crónicas de Fisterra, Itinerario e Ola miña bonita, unha historia retranqueira, refraneira e, como el mesmo ten dito, «chea de fisterranía».