Patrocinado por

Un relato do Camiño a través de luz, son e danza pechará o Xacobeo 21-22 na praza da Quintana de Santiago

Monste García SANTIAGO

VEN A GALICIA

Nova Galega de Danza é a encargada de producir o espectáculo
Nova Galega de Danza é a encargada de producir o espectáculo Santi M. Amil

O espectáculo, que reúne a un amplo elenco, celebrarase o vindeiro 31 a partir das 19.00 horas

22 dic 2022 . Actualizado a las 22:35 h.

«Contar o Camiño ao entrar en Galicia, relatar o que sucede en todas esas paraxes naturais que hai no noso territorio». Ese é o obxectivo do espectáculo de luz, son e danza que pechará o dobre ano santo o día 31 na Praza da Quintana en Santiago ao pé da porta santa. Máis dun cento de persoas traballan na creación desta proposta producida por Nova Galega de Danza, a quen a Xunta lle encargou esta despedida especial do Xacobeo 21-22.

Para conformar o espectáculo contan cun numeroso elenco, caso do coro Sisters in the House, con Carmen Rey; Xurxo Fernández, que interpretará unha nova versión de Negra Sombra; un corpo de baile con máis dunha ducia de intérpretes; e percusionistas de Aliboria. «É un espectáculo que vai emocionar e que a xente queira volver», resalta Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza, que dou detalles do proxecto nun acto acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, entre outros. A actividade desenvolverase durante uns 30 minutos a partir das 19.00 horas e o público pode achegarse tamén a presencialo en directo. «Non vai deixar indiferente a ninguén», apuntou Nava Castro.

No espectáculo, que une tradición e modernidade, van ter especial protagonismo os pés, avanzou Nava Castro, en clara vinculación coa peregrinación. Tanto ela como o director da Agadic resaltaron que se busca un peche de Xacobeo especial con esta proposta, que tamén servirá para amosar a calidade das propostas escénicas e artísticas de Galicia. Nava Castro tamén fixo balance, apuntando que se pechará o ano con preto de 440.000 compostelas seladas en Santiago, aínda que a cifra rondará as 500.000 se se inclúen aqueles que rematan a peregrinación en Fisterra e Muxía.