Patrocinado por

Un ano para descubrir O Salnés en galego

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Martina Miser

O equipo de Normalización Lingüística do IES Castro Alobre vén de editar un almanaque que percorre as marabillas da nosa bisbarra

22 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ten boa cara o enfermo. Todas as análises e pescudas realizadas coinciden no mesmo: o galego esmorece. Disque a cura é ben sinxela: basta con lle dar á lingua, abonda con falar Pero algo aparentemente tan sinxelo resulta ser, en realidade, sumamente complexo. Ben o saben os integrantes do equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do instituto Castro Alobre, en Vilagarcía, que levan anos traballando na promoción da lingua entre o seu alumnado. Seguirán co seu empeño no 2023. Un ano que no centro se rexerá —como é habitual— polo almanaque elaborado pola rapazada. Un calendario que fala galego e que, desta volta, lévanos de viaxe por «lugares máxicos da contorna».

O de facer un almanaque é un dos proxectos que o Equipo de Normalización desenvolve dende hai máis anos. Desta volta, propuxéronlle ao alumnado que escollese os lugares da bisbarra do Salnés que fosen do seu gusto e que se retratasen neles, tentando mesturarse co entorno. O resultado é unha pequena colección de xoias, empezando pola portada na que Mateo, un alumno de segundo de Bacharelato, aparece de escorzo, vestido como se fose un emigrante galego a piques de marchar e que mira, imaxinamos que con pesar, á escultura que del se despide dende O Cavadelo.

«A xente participa. É certo que hai que motivala, que hai que recordarllo e insistirlle un pouco, pero acaban implicándose», sinala Pepe Torres, vice director do centro e coordinador accidental do grupo de Normalización e Dinamización do instituto. Así que ata a súa mesa chegaron un bo feixe de imaxes entre as que se seleccionaron as gañadoras: a portada, unha por mes e algunhas máis para ilustrar a primeira páxina. Canda elas aparecen, como cada ano, refráns galegos. «Tentamos non repetirnos», sinala Pepe. Aínda hai máis información neste almanaque comprometido: por unha banda, nel veñen marcadas as datas importantes para o centro, e uns códigos QR que permiten acceder de forma rápida e sinxela a información sobre os lugares que aparecen retratado, auténticas marabillas deste Salnés noso.

O departamento de normalización e dinamización do Castro Alobre caracterízase polo seu dinamismo. Vilagarcía non é un contexto fácil para o galego, «vémolo nas aulas, o número de galegofalantes é mínimo», explica Pepe. Malia todo, o grupo de docentes implicados neste proxecto é grande e nel hai mestres de diversas disciplinas: son unha peza fundamental na loita pola supervivencia que esta a librar a nosa lingua.

O equipo traballa cun obxectivo claro: conseguir que a rapazada non vexa o galego «como un idioma de segunda que non vale para determinadas cousas». Por iso, poñen todo o seu empeño na organización de actos, como a semana da ciencia en galego, nos que achegan ao alumnado a investigadores e científicos que falan nun idioma que esmorece.

Arte nas bolsas da praza de abastos grazas á campaña de normalización lingüística do Castro Alobre

a. g.

As campañas de normalización, se cadra de concienciación, do IES Castro Alobre van camiño de ser todo un clásico vilagarcián. Son, dende logo, todo un éxito antes de comezar, polo traballo e o interese da rapazada do instituto, que sorprende cada ano. Desta vez a cousa sae dos bares, hai un par de anos repartiron posavasos, e métese na praza de abastos. Será alí onde se repartan hoxe as miles de bolsas preparadas. Unhas bolsas deseñadas por Carlota Magán, alumna de 2.º da ESO. Tivo unha idea xenial. «Fun polas tendas anotando os nomes dos produtos que tiñan para metelos no carro», lembrou. E así quedou. Un carro da compra cheo de verbas.

Seguir leyendo