O complexo de San Francisco e a historia da cidade de Ourense centran as exposicións
23 dic 2022 . Actualizado a las 08:45 h.Permanentes • Horario de apertura: de 08.30 a 20.30 horas • Arquivo Histórico Provincial de Ourense • O Arquivo acolle dúas exposicións permanentes no seu recinto. Son as tituladas «San Francisco: arquitectura e historia» e «Documentos históricos de Ourense». A primeira está integrada por trece reproducións documentais, dúas maquetas, material audiovisual e capiteis que dan conta da evolución funcional e arquitectónica do inmoble —que foi convento franciscano e mesmo cuartel de infantería— ao longo dos séculos.
En «Documentos históricos de Ourense» inclúese unha escolma de 78 reproducións documentais que permiten realizar un itinerario de máis de dez séculos pola historia da cidade: dende os máis antigos documentos monásticos a testemuños de célebres intelectuais do século XX. O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, visitou este xoves as mostras e fixo público o convite para que os cidadáns se acheguen a visitar as exposicións.
Museo do viño de Galicia
Lorenzo desprazouse logo a Ribadavia para participar na presentación do libro «O patrimonio do viño. Ruta polas adegas e os camiños do Ribeiro», do que é autor Lucas Sánchez Taboada.