AS PEGADAS DA RELIXIÓN | É un templo sinxelo en alzado e en planta, e a parte que máis sobresae é a fachada, que foi deseñada no século XVIII
24 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A igrexa coristanquesa de San Martiño de Oca destaca pola sinxeleza tanto da súa arquitectura en alzado coma da súa planta. De todo o conxunto, a parte que máis sobresae é a fachada, deseñada polo arquitecto Tomás del Río no ano 1777, data na que debeu de ter lugar a súa construción. Recentemente, un servidor atopou de casualidade unha serie de liñas na parede posterior da igrexa, uns trazos que reciben o nome de monteas. Estas serviron para guiar os canteiros no proceso de feitura duns arcos, posiblemente os da fachada.
No ano 1777-1778 temos noticia, polo libro da confraría do Sacramento, que se estaba erguendo o campanario, custeado coa axuda desta pía asociación. Pasando xa ao interior, a igrexa conta con tres retablos neoclásicos moi semellantes aos da parroquia matriz, Traba; poderíamos estar ante tres obras das primeiras décadas do século XIX, aínda que as imaxes son de períodos históricos moi distintos. Nun inventario de 1817 temos as seguintes efixies: «En el altar mayor las imágenes del patrón san Martín, san Roque, san Rodrigo, dos colaterales de los cuales en el que se halla la imagen de Nuestra Señora del Rosario y la de san Antonio de Padua y en el otro santa María Magdalena, san Blas y santa Lucía, todo pintado de nuevo».
Contemplando a feitura das imaxes, podemos intuír que as máis antigas deben ser a de santo Antonio, san Brais e a Virxe da Candeloria. Esta última talla cambiou de advocación a principios do século XX, xa que anteriormente era a Virxe do Rosario; así o propón un inventario de 1891 e outro de 1922. No século XVIII debéronse de adquirir as imaxes de san Martiño, bispo (retocado no ano 1889); san Rodrigo, san Roque e santa María Madalena. As tres primeiras son de calidade e gardan certas similitudes entre si.
Por último, os santos máis recentes son o Neno Xesús colocado no expositor, san Xosé (1870), a Virxe do Corpiño (atribuída a Rodeiro, mediados do século XIX) e unha santa Lucía, semellante a da igrexa de san Vicenzo da Graña (Ponteceso), posiblemente obra de Varela Rivas, do século XX.
O Corpiño
A parroquia de Oca garda gran devoción á Virxe do Corpiño, unha advocación difundida dende a parroquia de Losón (Lalín), onde está o famoso santuario visitado cada ano por miles de romeiros, coñecido nesta zona como O Corpiño de Lonxe.
En Bergantiños tamén temos outra imaxe deste título mariano, concretamente na parroquia de Rus, obra tamén atribuída ao escultor Rodeiro. A Virxe do Corpiño de Oca foi adquirida arredor da década dos sesenta do século XIX, xa que no ano 1868 mércase un relicario denominado na documentación como «del Corpiño» para custodiar varios restos de lugares de Terra Santa, e en 1870-73 a coroa de prata da imaxe. Na sacristía gárdase unha réplica da Virxe en pequena escala, así como da Candeloria e san Brais, levada para pedir esmolas polos lugares da contorna. Esta igrexa ten pouca ourivería debido a que comparte as pezas coa parroquia de Traba; a maior parte delas son modernas, como a cruz parroquial, que foi adquirida no ano 2000 por 124 mil pesetas.