Mariscadora e guía: «Hai turistas que cavan no mar como se fose a finca»
VEN A GALICIA
Deixou o seu traballo nun posto de alta dirección para ir ás ameixas, pero lle faltaba motivación; agora o compatibiliza con excursións para divulgar e defender o seu oficio
26 dic 2022 . Actualizado a las 06:54 h.O teléfono da confraría de San Xoán de Redondela non para de soar. Axencias de viaxes de toda España chaman preguntando que hai que facer para vestirse a roupa de augas e saír ao mar, acompañando ás mariscadoras na procura desa explosión de sabores que presidirá esta noite moitas mesas de Nadal. Turistas italianos, ingleses ou franceses xa empuñaron o sacho e moitos máis o farán no 2023. «Non facemos máis rutas porque non nos dá tempo, pero demanda hai moitísima», explica Nuria Novelle (Redondela, 1976). É mariscadora, impulsora e presidenta de Amarturmar Turismo Mariñeiro, a asociación que creou con varios compañeiros para darlle ós oficios do mar a categoría de monumento turístico.
Cando esta redondelá deixou o seu posto de dirección nunha empresa para ser mariscadora e poder conciliar tras dar a luz, non pensou na grandeza e «xenerosidade» do oficio, senón no «complexo» que sentía por dedicarse ao traballo que desempeñaran súa nai e avoa, eran tempos nos que non había salario fixo nin dereitos laborais. Dese sentimento de inferioridade brotou a asociación Amarturmar. O colectivo congrega a mariscadoras e mariñeiros que son, á súa vez, guías turísticos. «Formámonos a través dos Grupos de Acción Costeira e somos guías en todo o territorio do Parque Nacional Illas Atlánticas. Ao principio tiñamos inseguridades porque seguramente as primeiras en infravalorar o que facemos somos nós mesmas. Débolle moito ao mar, puiden criar ós meus fillos. Iso é impagable».
A ruta do marisqueo, a do porto, a do choco ou a da sardiña e o xeito teñen mostrado tamén aos visitantes galegos o mérito dun oficio que quere reivindicarse como cultura propia. «Hai turistas que cavan no mar como se fose unha finca, as ferramentas son similares pero nós non temos que levantar tanto o sacho... Pobres ameixas», di con sorna. «Recibimos a estudantes de ESO que veñen ás visitas e poderían pensar en dedicarse a isto no futuro. É unha opción laboral máis, pero precisa ser mimada». Para cultivar vocacións, afánanse en fabricar aparellos en miniatura para que os visitantes teñan contacto directo con nasas ou redes, e para que a experiencia sexa sensorial, dentro da area ou a bordo de barcos de pesca, nunca catamaráns. Trátase de poñerse na pel destes profesionais e coñecer o traballo, coas súas incomodidades pero tamén co luxo de ter un contacto coa natureza sen filtros. «Dinnos que nunca máis se van queixar do prezo das ameixas ou do peixe. Nós o que queremos e que poidan distinguir a ameixa galega, que saiban interpretar as etiquetas e que distingan o valor engadido do produto autóctono».
«O marisqueo desaparece»
Estas rutas turísticas son tamén unha oportunidade de diversificar en tempos nos que o sector está a observar indicadores que acenden as alarmas. A mortalidade da ameixa na ría de Vigo non para de medrar, e o problema se repite en moitas outras rías galegas como a de Arousa. «Cada ano, temos que gastar máis para sementar e repoboar. Antes a mortalidade era do 20 %, agora é do 40 % e non sabemos por que». A contaminación, os verquidos e os efectos do cambio climático son algunhas das causas dunha situación que preocupa moito nas rías. «Son pesimista co futuro do marisqueo, ou se fai algo ou o oficio que coñecemos desaparece. Os turistas dinnos que sendo algo tan excepcional seguro que estamos moi mimadas polas Administracións, pero nós non nos sentimos así».
Novelle pide máis investigación nas confrarías para conservar o entorno e a riqueza mariña que os turistas desfrutan como unha experiencia vital única. «Temos máis problemas. Están vindo algas novas e especies invasoras». Os novos grupos de traballo entre a Consellería do Mar e o sector é un primeiro paso, pero asegura que a situación na ría de Vigo é crítica. «Queremos que a xente saiba que o noso traballo non só é coller ameixa, vixiamos, limpamos, sementamos, retiramos algas...». Unha faceta transversal á que se suma un control do mercado que esta ex executiva defende: «É un traballo físico pero tamén nos demos conta de que temos que defender unha faceta máis profesional do marisqueo. Antes queríamos moitos días e moitos kilos, pero agora sabemos que hai que extraer cando hai demanda e intentar vender aos mellores prezos».
As inquedanzas profesionais de Novelle vanse colmando entre visitas turísticas, xestións e traballo diario. «Aquí temos capacidade de crear un proxecto que nós manexamos». Toda unha declaración de intencións para unha nova xeración de mariscadoras que se sinte orgullosa de encher de sabor galego as mesas de Nadal e que se sabe parte da esencia do país.
A súa canción
«Negra Sombra», de Luz Casal. «De nena, na miña casa o medio de vida era o mar, nunca houbo un salario fixo e sabía o que era que teu pai traballara nun temporal. Cando volvín a ese sector, sentín tristura e complexo; esa pel volveu apoderarse de min e sentín un retroceso laboral. A canción aflora eses sentimentos».