A banda de música de Vilagarcía ofrecerá o venres o seu concerto de fin de ano
VEN A GALICIA
As entradas poránse á venda este xoves na billeteira do Auditorio Municipal
31 dic 2022 . Actualizado a las 17:03 h.A banda de música de Vilagarcía despedirá o 2022 cun concerto extraordinario de fin de ano. Faráo este venres, na véspera da Noitevella, no Auditorio Municipal da capital arousá desde as oito da tarde.
As obras de José Alberto Pina formarán parte central do repertorio que os integrantes da banda de música de Vilagarcía lle ofrecerán ao público asistente e no que, como non podía ser doutro xeito tratándose do concerto que é, non faltarán tampouco pezas da familia Strauss. Ademais, seguindo o exemplo das citas nos grandes centros da música clásica do planeta, o Auditorio Municipal despedirá o ano ao son da Marcha Radetzky, na que os melómanos acompañan en pé e marcando con palmas o ritmo dunha das pezas musicais universalmente máis coñecidas.
Venda de entradas o xoves
Desde a Concellería de Cultura de Vilagarcía infórmase de que os interesados poderán adquirir as súas entradas a partir deste xoves, no propio Auditorio, en horario de 10.30 a 13.30 horas e, pola tarde, de 17 a 19.30.
En caso de non se esgotar as entradas ese día, a billeteira da instalación municipal porá á venda as restantes o mesmo día do concerto extraordinario de fin de ano, en horario de 10.30 a 13.30 e a partir das 18 horas. O seu prezo, 5 euros na zona A do patio de butacas, 4 na B e 3 na C.