Patrocinado por

Cástor Pérez Casal: «O Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro é rigoroso coa Historia»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Cástor Pérez Canal
Cástor Pérez Canal Santi M. Amil

A descuberta dun hospital de peregrinos en Padrenda iniciou a recuperación do trazado a Compostela

30 mar 2023 . Actualizado a las 17:39 h.

O pasado domingo presentábase en Celanova o libro Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro. (Deputación de Ourense, 2021), un amplo estudo do trazado de peregrinación que vai de Braga a Compostela e que atravesa seis municipios do norte de Portugal e dezaseis galegos. No percorrido conviviron durante séculos peregrinos e tratantes, aínda que o paso do tempo foi arrombando a memoria de romeiros e tratantes, para soterralos no esquecemento. Un achádego nun dos concellos polos que pasaba o trazado —que entraba na provincia de Ourense dende Melgaço por Padrenda ou Lobios (segundo as tres variantes) e atravesaba as terras do Ribeiro e do Carballiño para seguir polas do Deza— chamou a atención da persoa que comezou a recuperación e reivindicación do vello camiño a Compostela. E aí segue na loita Cástor Pérez Casal (Celanova, 1970). El e José Ramón Estevez traballaron durante máis de vinte anos para recuperar as referencias documentais e o trazado do camiño.

—Padrenda está na orixe de todo.

—Si. Logo de rematar Xeografía e Historia comecei a traballar de Axente de Desenvolvemento Local en Padrenda. Polas tardes investigaba sobre a historia do municipio —en base ao que había no Concello, no Arquivo Histórico Provincial e no Diocesano— e chamáronme a atención as referencias a Santa María do Hospital do Condado, da que xa había datos no século XIII. E logo vin que do outro lado, en Melgaço, tamén había hospital e presenza de peregrinos. Era o ano 1998 e a partir de aí comecei co proxecto.

—Como se fai para recuperar do esquecemento un camiño de peregrinación a Compostela?

—Fun examinando a documentación dos mosteiros, os tumbos e fun perfilando o que era unha vía de peregrinación. Só no Concello de Padrenda chegue a atopar catro hospitais de peregrinos: o xa citado e os de Portela, Santa María do Vilar e San Pedro da Torre.

—Foi entón cando comezaron a traballar vostede e Estévez?

—Naquela mesma época presentáronme a José Ramón Estévez, que xa levaba tempo falando dun posible camiño de peregrinos que pasaba por Ribadavia, porque tiña documentados unha serie de hospitais na capital do Ribeiro. Daquela díxenlle: pois o camiño é este. E cando xa tiña o tema perfilado na nosa zona continuei marcando o percorrido ata Compostela.

—Cal é o trazado?

—O Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro une Braga con Compostela. Son, en conxunto, 265 quilómetros ao entrar dende Melgaço por Padrenda.

—Que papel tivo o viño?

—O viño permitía facer a ruta. Entón non era como agora e quen facía o camiño ía penar. Braga é a capital miñota e no percorrido topaban as terras do viño verde, logo as do Ribeiro e máis adiante as do Ulla. Aproveitaban esta circunstancia para traballar nas viñas, en función do ciclo anual, e poder conseguir diñeiro e sustento para o camiño.

—O proceso foi longo ata conseguir os apoios necesarios?

—No 1998 comezamos. No 2009 presentamos un primeiro estudo do trazado e no 2014 creouse a Asociación do Camiño Miñoto Ribeiro, na que participan os dezaseis concellos galegos e preside o de Cortegada. Logo xa se integraron as cámaras de Portugal e no 2021 presentamos o libro co estudo final e o trazado definitivo. E polo camiño creouse unha asociación de historiadores, a web e un colectivo de amigos do trazado, entre outras cousas.

—Contan co apoio de dous arcebispos.

—Somos o único trazado con ese recoñecemento. Déronnos a compostela e a mesma asinárona os arcebispos de Compostela e de Braga.

—Agarda conseguir o recoñecemento do Xacobeo?

—Coa chegada das celebracións sempre aparecen camiños ata debaixo das pedras, porque todos os alcaldes queren que lle pase polo seu Concello. E iso fai que non se decida nada, derivando a Xunta ao centro Padre Samiento o dictame. Nós temos feito o traballo con total seriedade e rigurosidade e a documentación está presentada. Se me pregunta se creo que terá a condición de camiño xacobeo a resposta é si.

«Os adegueiros do Ribeiro pagaban a reparación da ponte de Sarandón cando a estragaba o Ulla»

Fía un discurso rápido, documentado e engaiolante Cástor Pérez cando se pon a falar do trazado do camiño e dos episodios históricos vencellados ao mesmo. E incide en aspectos como o dunha realidade dura, de dor, nos tempos de esplendor do mesmo —fronte ao ocio e mesmo aos intereses particulares que poden ter algúns nestes tempos—, da presenza do duquede Láncaster e mesmo do rei Manuel I de Portugal ou da importancia do viño e as augas termais para os peregrinos históricos. Viño e peregrinos entraban en Compostela pola Porta de Mazarelos.

—A cartografía foi determinante?

—Si. Atopar un mapa militar inglés, de 1704, no que aparecía o noso camiño de Braga a Compostela foi un acontecemento. E logo outro de 1709 que matizaba máis ese tramo. Logo de dez anos traballando a zona portuguesa creo que hai documentación suficiente para comezar o camiño en Coímbra e mesmo facelo en Salamanca, xa que o Camiño das Torres comunicaría con este trazado. Mais non é cuestión de meterse en novos proxectos.

—E localizar o texto do coengo Cisneros?

—De gran importancia. O documento de 1783 que redactou o coengo da catedral Jorge Cisneros, que foi de Compostela a Cortegada aos baños, para Pedro Martín Cermeño —gobernador militar de Galicia— informándolle que o camiño estaba en mal estado e que debía reparalo, e citando expresamente o paso pola ponte de Sarandón para salvar o Ulla, foi vital para o proxecto. Atopouno en Ribadavia José Ramón Estévez.

—Os adegueiros do Ribeiro reparaban a ponte?

—Cando as crecidas estragaban ou derrubaban a ponte eran os propios adegueiros do Ribeiro os que pagaban a reparación para que os seus viños chegasen a Compostela.

Da historia de Padrenda á amizade con Osoro, a teoloxía e a música

Leva tantos anos e tempo dedicados ao proxecto que Pérez Casal podería pasarse horas falando do mesmo, aportando datos, anécdotas, episodios históricos e outras moitas cousas. Mesmo explicar como se fixo a fotografía da portada do libro que a Deputación publicou sobre o mesmo. Por riba de todo, e ante todo, lembra que este é un proxecto colectivo onde están implicadas moitas persoas, dende o seu compañeiro de facultade Jorge Lamas Bértolo —o arqueólogo que delimitou o trazado— ao alcalde de Cortegada —Avelino de Francisco preside a Asociación do Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro— ou os moitos amigos que fixo nestes anos en Portugal. Cástor Pérez licenciose en Xeografía e Historia e accedeu ao posto de traballo en Padrenda. E aí comezou todo.

—Como rematou de profesor de Relixión nun instituto?

—O alcalde e máis eu tivemos unha reunión con Carlos Osoro, daquela bispo de Ourense, para a cesión da rectoral, que logo se reformou cunha escola taller para dedicala ao turismo rural. Osoro interesouse pola miña formación e ao dicirlle que era historiador preguntoume se non me interesaba dar clases de Relixión. Respostei que si, pero que non tiña tempo para preparar as oposicións. E quedou aí a cousa.

—E que pasou logo?

—Pasados uns meses chamoume e díxome se quería empezar no instituto Julio Prieto Nespereira. Púxome dúas condicións: non deixar o posto en Padrenda e estudar Teoloxía. Aceptei. Compatibilicei os traballos ata o ano 2012. Dende o 2009 estou no instituto de Celanova.

—Mantén a relación?

—Funo visitar en varias ocasións e mesmo estivo comendo na miña casa en Celanova.

—Teño entendido que houbo algo entre vostede e a música.

—Ri. Tiñamos un grupo que era C + 3. O «C» era de cuñados, porque tocabamos catro que eramos cuñados, e logo había tres músicos máis. Gravamos un disco e nas festas de Ourense fomos teloneiros de Seguridad Social, Celtas Cortos, Los Secretos e outros. Foron tempos! Agora o meu é a lectura e a bicicleta.

Quen son.

«Os que me coñecen din que son traballador e dedicado, curioso e que cando comezo algo vou ata o final, como no caso do Miñoto Ribeiro. Entregado, xusto, bo e, por riba de todo, nada interesado. Guíome polos meus principios, aínda que iso ás veces non sexa beneficioso para min»