Patrocinado por

«Lugo no tempo», o mellor do campo e da urbe nunha mostra de Afundación

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

VEN A GALICIA

A mostra inaugurouse este martes, ca participación do conselleiro Román Rodríguez
A mostra inaugurouse este martes, ca participación do conselleiro Román Rodríguez CANDELA F. ROLDÁN

Esta exposición recolle case un centenar de obras multidisciplinares que realizan un percorrido pola historia da cidade

29 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Lugo no tempo» é unha fusión entre a cultura galaica e a romana, o campo e a urbe. Todo iso que fai que a urbe amurallada teña un selo identificativo inconfundible. Ao longo do percorrido por esta exposición comisariada por Manuel Gago, que permanecerá aberta ao público ata o próximo 27 de maio na sede de Afundación, os visitantes poderán facer unha viaxe pola historia de Lugo a través dun centenar de pezas moi representativas de todos os tempos.

A mostra, inaugurada onte polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o xerente da Afundación, Pedro Otero, fai unha escolma dos tesouros mellor salvagardados das institucións máis emblemáticas da cidade, como son: o Museo Provincial, o Museo Diocesano, o Arquivo Histórico Provincial, a Biblioteca Municipal ou o Círculo das Artes.

A proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, documentos históricos, obxectos de alta cultura e cotiáns con gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións.

Toda esta documentación permite mergullarse na historia da urbe, dende as orixes ata os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX, trasladando ao visitante a espazos decisivos dunha cidade marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000.

Trátase da terceira das sete exposicións que conforman o proxecto «Cidades no tempo», que continúa reivindicando a identidade urbana de Galicia.

Neste senso, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou no acto de inauguración que a proposta permite afondar na «realidade emblemática que ten a cidade de Lugo, da que emanan algúns dos símbolos e identidades cos que hoxe se recoñece a Galicia en todo o mundo».

Así, o titular de Cultura fixo fincapé na importancia dunha urbe «construída nun equilibrio entre a tradición e a modernidade, na que se souberon respectar as orixes incorporándoas á súa organización territorial».

Pola súa parte, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, expresou a súa satisfacción por un proxecto «moi atractivo». Así, explicou que «este é un inmoble completamente integrado nun dos espazos estratéxicos da cidade, nun edificio testemuñal da historia desta cidade, unha urbe fortemente caracterizada pola súa esencia romana».