Patrocinado por

Tanxugueiras actuará na VI Festa da Torta de Guitiriz

La Voz LUGO/ LA VOZ

VEN A GALICIA

Tanxugueiras no concerto do Arde Lucus 2022
Tanxugueiras no concerto do Arde Lucus 2022 Carlos Castro

O trío de música tradicional galega levará os seus ritmos ao Campo da Feira o próximo 4 de xuño

28 mar 2023 . Actualizado a las 13:52 h.

Tanxugueiras, o grupo revelación da fusión da música tradicional galega, será a cabeza de cartel da VI edición da Festa da Torta de Guitiriz. As cantareiras actuarán no Campo da Feira o domingo 4 de xuño, ás 20.30 horas, para pechar o evento gastronómico que pon en valor o produto máis típico da localidade.

A Festa da Torta foi presentada este martes na Casa Habanera, nun acto que arrincou cunha actuación musical do alumnado da UNED Sénior. «A actuación estrela deste ano será a de Tanxugueiras, como fin de festa. Ademais participarán as agrupacións musicais do municipio. Penso que non hai mellor oportunidade que esta para poñer en valor o traballo que fan durante todo o ano», destacou a alcaldesa, Marisol Morandeira, que conduciu o acto.

A presentación da VI Festa da Torta de Guitiriz.
A presentación da VI Festa da Torta de Guitiriz.

«Ogallá veña moita xente a desfrutar da gastronomía, da nosa tradición e da música», desexou Morandeira, que estivo acompañada da concelleira de Turismo, Pilar Vázquez. «Animo a todos os que queiran acudir que o fagan porque o vamos a pasar ben», engadiu Vázquez.

A Festa da Torta de Millo contará, como vén sendo habitual, con música, exposicións e obradoiros, ademais da degustación e venda do postre. Por suposto, estarán os tres establecementos artesáns de Guitiriz que preparan a torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina. A alcaldesa quixo destacar e agradecer a súa implicación, chave para sacar adiante unha nova edición da festa.

A medida que se achegue, desvelarase a programación completa dun evento que contará cun dispositivo de seguridade e de tráfico especial. Dentro deste plan, o Concello habilitará prazas de aparcadoiro para facilitar o acceso a un evento que regresou o pasado 2022 despois de dous anos de parón polo coronavirus.