Patrocinado por

Pedrafita celebrou a XXXV Feira do Queixo por todo o alto

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

VEN A GALICIA

Centos de veciños e visitantes degustaron os mellores produtos gastronómicos da localidade o Venres Santo

09 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A tradicional Feira do Queixo do Cebreiro regresou o Venres Santo un ano máis por todo o alto con bo tempo e mellor gastronomía para os centos de visitantes que quixeron degustar o queixo da zona, que conta co selo de Denominación de Orixe Protexida, así como outras variedades galegas, extremeñas ou vascas, entre outras, que tamén levaron os seus postos á feira para ofrecer os mellores produtos gastronómicos non só da montaña lucense, senón de todo o país.

«Ao final, o noso obxectivo é converter esta cita en todo un referente gastronómico e dar a coñecer os mellores produtos agroalimentarios a todos os participantes. Non hai que pecharse portas», asegura José Luis Raposo, o alcalde de Pedrafita, que afirmou que acudiron á feira centos de persoas, que fixeron desta edición «a máis grande que eu recorde en moitos anos. E o ano que vén, iremos a por máis».

Na nave principal do Concello de Pedrafita situáronse os stands das principais queixerías do Cebreiro, que contaron con gran éxito de vendas, así como o resto de postos artesanais que ofreceron aos visitantes mel, cervexa caseira, carne, embutidos de porco e demais produtos en preto de 200 stands en total.

«Este é un dos días máis importantes do ano, porque supón un impulso económico importantísimo para fomentar o turismo, e esta edición superou todas as expectativas», dixo o alcalde do municipio, e é que a ocupación hostelerira deste ano foi do 100%. «O tempo estivo do noso lado, e despois de dous anos marcados pola pandemia, notouse que a xente tiña moitas gañas desta festa», asegura.

O polbo foi outro dos protagonistas nesta festa gastronómica, á que acudiron varios pulpeiros da comarca e na que serviron centos de racións case dende a primeira hora da mañá.

A música tampouco faltou ao longo de todo o día, xa que, a partir das 11.00 horas, os veciños e visitantes xa contaron co pasarrúas da charanga Louband, seguido da Asociación Cultural Abrente de As Nogais, que deleitou ao público asistente co seu baile galego tradicional.

Un pregón en clave feminista

A xornalista cebreirega Tamara Raposo, acompañada do seu pai e alcalde, José Luis Raposo, así como dos deputados socialistas, foi a encargada de dar o pregón este ano, no que quixo poñer en valor a enorme labor das mulleres rurais, en especial a das queixeiras, un oficio ligado ás mulleres non só da montaña lucense, senón de toda Galicia, e quixo agradecer a visibilidade que dan as festas deste tipo para dar a coñecer o seu traballo e para poñer rostro ás súas produtoras.

Toda unha alegación feminista coa que quixo enxalzar o gran valor deste oficio e das mulleres que loitan día a día por manter viva unha das maiores tradicións gastronómicas de Galicia. Unha profesión que segue en pé grazas ao traballo de todas elas e no que Pedrafita do Cebreiro é referente a nivel nacional.