Lugo acolle unhas xornadas sobre a historia da moeda pioneiras en Galicia
14 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Só existen tres exemplares no mundo. E un deles está en Galicia. Está feito en bronce, pero apenas pesa 38 gramos. É o sestercio de Augusto, e pódese ver na exposición temporal De monetaria galega, que acolle estes días —e ata o 30 de xuño— o Museo Provincial de Lugo, institución que promove de maneira paralela a celebración dunhas xornadas de divulgación científica sobre numismática. Este encontro pioneiro sobre o patrimonio arqueolóxico lugués celébrase —hoxe e mañá— no pazo de San Marcos baixo o título A moeda en Galicia desde a caetra ata o euro, que se remontará á época romana para viaxar ata a actualidade.
O museo alberga máis dun milleiro de exemplares de moedas e medallas, unha das coleccións de maior interese e importancia non só de Galicia, senón de todo o estado. É máis, conta agora mesmo cun conxunto de pezas suevo-visigodas de ouro exhibidas ao público por primeira vez no noroeste peninsular dentro da citada mostra.
Pero a verdadeira xoia da exposición é a moeda coñecida como sestercio de Augusto, que data do século I a. C. e foi xa declarada ben de interese cultural (BIC). Só existen no mundo rexistros doutros dous exemplares, «unha delas está no Museu de Arqueologia Dom Diogo de Sousa de Braga [achada no 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta] e a outra segue en paradoiro descoñecido», relata a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. Trátase dunha das moedas máis singulares das que se conservan e que, segundo explica Balseiro, puido servir para financiar os custos das guerras cántabras (entre os anos 29 e 19 a. C.), durante a última fase da conquista romana da península ibérica. Carece de marcas e sospéitase que puido ser realizada en cecas [fábrica onde se acuñaba] como as de Augusta Emerita (Mérida), Lucus Augusti (Lugo) e Colonia Patricia (Córdoba), e incluso noutros obradoiros de carácter ambulante que acompañaban ao exército. Nunha cara amosa o retrato do emperador Octavio Augusto, e na outra están as armas dos galaicos vencidos. «Representa a conquista do territorio galaico e a súa historia de xeito simbólico», incide.
O sestercio foi adquirido en 1999 por un coleccionista particular en EE.UU. O museo —que o exhibe entre outras das pezas máis especiais dos seus fondos— agarda que os trámites postos en marcha para que a moeda pase a integrarse definitivamente no seu depósito conclúan con éxito. «O seu valor é incalculable, tanto a nivel patrimonial como cultural», subliña a directora.
Alén do brillo incuestionable do sestercio, as xornadas permitirán trasladar á sociedade galega a importancia da numismática dende a caetra [así chamada porque representa o escudo prerromano dese nome] e falar do auténtico tesouro que se conserva no museo lugués. No encontro intervirán especialistas das universidades galegas, do Museo Arqueológico Nacional de España e do Museu Nacional d’Art de Catalunya.
Balseiro lembra que interpretar as moedas no contexto das culturas dos períodos históricos do noroeste peninsular dende a antigüidade ata hoxe contribúe a visualizar (e comprender) que son pezas de gran relevancia para o estudo da economía, a relixión, a política, a iconografía e a arte. De forma que, asegura, as xornadas non van só dirixidas á comunidade científica, senón tamén a todos os interesados na cultura e na historia, afeccionados, estudantes e coleccionistas.