Patrocinado por

Cambados repartirá 2.450 euros en premios na festa dos Maios dos días 28 e 29 de abril

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

VEN A GALICIA

Martina Miser

Poderán participar os grupos, as asociacións ou os centros educativos que o desexen

19 abr 2023 . Actualizado a las 17:09 h.

A Concellería de Cultura de Cambados organiza de novo este ano o Festival dos Maios, que se celebrará os días 28 e 29 de abril no parque de Torrado. Poderán participar os grupos, as asociacións ou os centros educativos que o desexen, que deberán inscribirse na biblioteca municipal Luís Rei antes das 20.30 horas do xoves 27 de abril.

O festival contará coa participación dun máximo de 14 grupos. No caso de superar esta cantidade, seleccionaranse por orde de inscrición, dándolle prioridade ás que conten con máis integrantes domiciliados en Cambados. Os grupos estarán formados por un mínimo de dez persoas. A orde de actuación será a mesma que a de inscrición. Os maios deberán ter como mínimo 1 metro de alto e 70x70 centímetros de base.  Os grupos dos centros educativos deberán estar o venres 28 de abril, ás 11 horas na Praza do Concello para o desfile ata Torrado. En caso de mal tempo trasladarase o festival para o salón José Peña.  Os grupos que non sexan de centros educativos deberán estar o sábado 29 de abril, ás 18 horas, na Praza do Concello para o desfile ata Torrado e Peña será a alternativa en caso de chuvia. Cada grupo deberá presentar un maio realizado con materiais tradicionais e relacionado coa data que se celebra.

Os grupos contarán con medios propios para faceren a súa actuación e terán un máximo de 20 minutos dende que suban ata que baixen do escenario. Establécese igualmente un mínimo de dúas pezas musicadas para poder participar.

Tódolos grupos participantes terán dereito a unha gratificación de 175 euros, excepto que a organización acorde que non cumpran as presentes bases, ata un límite máximo de consignación orzamentaria de 2.450 euros (equivalentes a 14 grupos). Os grupos terán a obriga de entregar o mesmo día da inscrición os exemplares das súas letras ou pezas na biblioteca, para incorporalas ao arquivo municipal. Ao presentar as coplas, especificarase se son novas ou pezas tradicionais relacionadas con estas datas.

Tamén o sábado 29 de abril, ás 21 horas, haberá un concerto de solistas da Banda de Música de Castrelo no auditorio municipal.

Por outra banda, en relación ás actividades da celebración do Día do Libro 2023, a biblioteca acollerá unha sesión de contacontos a cargo de Trémola Teatro ás 12 horas deste sábado 22. A obra titúlase A nena que se comía todos os contos.