O Asalto ao Castelo de Vimianzo estreará novo formato coas Tanxugueiras
VEN A GALICIA
Primeira confirmación musical para o festival, cun concerto previsto para o 1 de xullo: xa se poden retirar as entradas
28 abr 2023 . Actualizado a las 18:22 h.Cun cuarto de século cumprido, o Asalto ao Castelo de Vimianzo reivindicará este ano a súa forza como festival. Referencia musical do verán na Costa da Morte, son dous días de concertos de grupos destacados do panorama nacional e internacional, música de raíz e tamén moitas actividades paralelas. Neste 2023, o Asalto estreará un novo formato e farao da man das Tanxugueiras, o primeiro grupo confirmado para o festival, un concerto previsto para o sábado 1 de xullo e que levará á capital de Soneira a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.
Así, e co ánimo de facer sostible a festa e o cartel musical, a organización decidiu este ano potenciar o primeiro concerto da gran noite, neste caso este das Tanxugueiras, facendo del un «evento especial», para o cal será preciso retirar entrada. Seguirán sendo gratuítas todas as restantes actividades e concertos. Os tiques para a actuación da Tanxugueiras xa están á venda en woutick.es, cun prezo de saída de 8 euros: ollo, que é unha oferta limitada antes de situarse no prezo ordinario en liña, 12 euros, ou 15 no caso de que se merquen fisicamente o propio día do concerto.
Os preparativos para o Asalto, doutro lado, están xa en marcha. A primeira cita, na procura de actrices e actores para a representación teatral que quentará ao público ao punto de convertelo en irmandiño antes do Asalto con fachos e tambores, está fixada para o sábado 13 de maio: 20.30 horas, Casa da Cultura.