O SonRías Baixas de Bueu desvela a configuración definitiva do cartel da edición do vinte aniversario
VEN A GALICIA
As entradas de día están dispoñibles dende este mesmo venres a un prezo de 30 euros máis gastos de xestión
03 jun 2023 . Actualizado a las 12:09 h.Este mesmo venres, o Festival SonRías Baixas de Bueu desvelou a distribución por días dos artistas que participarán na súa vindeira edición, que se celebrará durante do 3 ao 5 de agosto. Deste xeito, no seu 20 aniversario, na primeira das tres xornadas programouse as actuacións de Boikot, Samuraï, Lendakaris Muertos, Santa Salut, 30s40s50s e ETS, mentres que o 4 de agosto tocaralle a quenda a Natos y Waor, Queralt Lahoz, Muyayo Rif, Tremenda Jauría, LiaKali, La Ganga Calé, Cool Nenas.
E xa como remate, o sábado, as actuacións de La Pegatina, Macaco, Dubioza Kolektiv, Arde Bogotá, Ortiga e Pili Pampín, La Montagne&PicoAmperio, Grande Amore, Lamatumbá, María de Juan e Ninhodelosrecaos DJ.
Deste xeito, o festival volve a apostar por «unha proposta musical ecléctica, na que teñen cabida xéneros tan variados como o rock, os sons urbanos, a electrónica, a rumba ou o ska e que completan máis de vinte artistas». Entre eles as dúas últimas confirmacións protagonizadas por dous artistas galegos —Ortiga e Pili Pampín e Lamatumbá—, que «poñen o broche final a este line-up para conmemorar o seu vixésimo aniversario e no que, xa é habitual, combínanse artistas consagrados con décadas de traxectoria con talento emerxente a ter moi en conta».
Por outra banda, dende a organización do SonRías Baixas precisaron que a venda de abonos segue dispoñible na web do festival e a través de Enterticket.es. Este proceso de compra inclúe a opción de engadir a zona de acampada, gratuíta, e situada a tan só 150 metros da praia e do propio festival.
Neste punto, remarcaron que este ano, como novidade, estará aberta a partir do mércores día 2, na véspera do comezo do festival como unha maneira de ir quentando motores cara o momento no que os primeiros artistas saían ao escenario.
Entradas de día
Por outra banda, as entradas de día están dispoñibles dende este mesmo venres a un prezo de 30 euros máis gastos de xestión. Hai que ter moi presente que non inclúen dereito de acampada, algo ao que só teñen opción os abonos para os tres días de festival.
Promovido pola promotora PlayPlan, no SonRías Baixas 2023 contase coa colaboración institucional do Concello de Bueu, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, RíasBaixasFest e Xunta de Galicia. De feito, a través desta última e da Asociación Festivais de Galicia, o festival ten un convenio coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para que «os primeiros usuarios do Carné Xove que utilicen o código ‘carnexovefestivais' poidan gozar dun 15 % de desconto na compra da entrada do festival», anunciaron dende a organización.