Os maios xa están aquí con flores e música para encher as rúas de Vilagarcía, Cambados e O Grove
VEN A GALICIA
Colexios, asociacións e particulares participan nesta cita coa tradición
28 abr 2023 . Actualizado a las 22:07 h.Chega maio e con el a tradición dos maios que enche de flores e música as vilas. Na comarca hai tres prazas que nunca fallan a esta cita e na primavera do 2023 non ían ser menos. Os máis madrugadores foron os cambadeses, onde este venres xa sacaron os maios á rúa da man dos escolares do municipio e dos usuarios dos centros de día do pobo. Foi a primeira entrega dunha festa na que o Concello repartirá 2.450 euros en premios e que mañá sábado vive o seu segundo asalto cun novo desfile desde a praza do Concello, ás 18 horas, en dirección ao parque de Torrado, onde terán lugar as actuacións e a exposición de máis maios.
En Vilagarcía e O Grove agardarán ao día 1, o luns, para sacar o maio á rúa. Na cidade arousá esta tradición está máis que consolidada tal e como demostra o feito de que haxa 22 participantes e 57 maios no concurso que se celebrará no Parque Miguel Hernández a partir das 11.30 horas. Alí estarán, como en anos anteriores, as ANPA, asociacións, particulares e a residencia de anciás Divina Pastora cos seus maios artísticos e cónicos, as caixas, as cruces e os barcos.
O certame non ten carácter competitivo, senón de exhibición, polo que todos os participantes recibirán un premio consistente nunha compensación económica e rosca. As contías oscilan entre os 150 e os 40 euros en función da categoría na que se participe, se o fan con copla ou sen ela e do número de participantes. En total, e coa inscrición xa pechada, a Concellería de Cultura destina 4.800 euros a financiar un evento que busca conservar e potenciar a tradición popular galega.
No Grove a festa será na Praza do Corgo a partir das doce do mediodía e hai máis de 700 euros en xogo para os maios tradicionais, os artísticos e as coplas que concorren a concurso. Só participar tamén ten premio: 30 euros.