A tradición demostrou, un ano máis, que goza dunha saúde excelente
01 may 2023 . Actualizado a las 19:54 h.A mañá quedou solleira e brillante, como teñen que ser as mañás do primeiro de maio. É o día da festa na que se celebra o renacer da vida no agro, a volta das flores, a hora dos cultivos que mataban a fame. É o día dos maios, esa celebración antiga que deixa coa boca aberta a quen non nos coñece e descubre, un luns calquera pola mañá, que nas portas das casas hai ramiñas de xestas, ramiñas de xestas tamén nos coches. Disque son un escudo fenomenal para protexer do mal de ollo e das envexas, que son males moi poderosos.
Pero máis aló da xesta e da maxia, a festa dos maios é tamén iso, unha festa das boas, das de antes: unha festa na que non debe faltar a retranca e a crítica nas cantigas que a rapazada entoa, con maior ou menor fortuna, nos concursos que se seguen a celebrar en vilas como Vilagarcía e que permiten que a tradición goce na capital arousá de boa saúde.
Queda rexistrada esta nun dato: no concurso exhibición celebrado na praza da Segunda República participaron 22 colectivos, que presentaron 57 maios ao concurso que se celebrou a carón do parque Miguel Hernández. Alí estiveron, como en anos anteriores, as asociacións de pais e nais de diversos centros, particulares, a residencia Divina Pastora, colectivos sociais... Canda eles, os maior artísticos e cónicos, as caixas, as cruces, os barcos...
Chamou a atención, neste primeiro de maio, a sinxela beleza dos maios tradicionais. Os conos feitos con fiuncho estaban engalanados con sinxelas cadeas de dourados pampullos, vibrantes laranxas bravas, brancos cartuchos ou escuros cocos dos carballos. Engarzados con paciencia, formando colares enormes, estes elementos mesturábanse con outras flores máis coquetas e coas xestas, para dar forma a eses maios «de sempre» que non debemos deixar caer no esquecemento.
A berenxena que era un nariz
A rapazada do colexio Anexo mesmo empregou unha berenxena na súa composición, convertendo así o seu maio nunha bruxa das que non dan medo, e iso que non lle faltaba detalle: ao seu carón estaba o seu gato negro feito con grans de millo, e a súa escoba de xestas.
Este grupo cheo de maxia e misterio era un dos primeiros que se atopaba a xente que onte se achegou ata o recinto da Segunda República dende A Mariña. Outra das primeiras composicións, neste caso nacida da man da Anpa do colexio da Escardia, era unha sorte de escenario para facerse fotos no que flores de vivas cores daban forma a unhas xigantescas ás de bolboretas.
Polo camiño houbo espazo para unha enorme cantidade de creacións: as cruces, os barcos, e mesmo Willy Fog, que na súa volta ao mundo en oitenta días non puido evitar facer unha parada na festa de Vilagarcía na que todos os maios participantes tiveron o seu premio, en forma de rosca e dunha pequena compensación económica.
Vilagarcía non é a única vila da bisbarra do Salnés na que sigue viva a celebración da festa dos maios. En Cambados xa se adiantaron e a rapazada fixo a súa celebración o pasado venres. E no Grove a cita foi o luns a mediodía, na praza do Corgo. Tamén neste caso, o simple feito de participar no certame levaba aparellado un premio de 30 euros, a maiores dos galardóns que se repartiron entre os mellores maios.
A festa volverá dentro dun ano, cando a natureza volva pasar por todo o seu ciclo, e despois do inverno chegue a primavera, e as flores, e as xestas que nos fan falla para esquivar o mal de ollo e a envexa.