Patrocinado por

Melide conta a súa propia historia

VEN A GALICIA

NOGUEROL

O historiador Xosé Manuel Broz Rei presenta o sábado «Melidaos» no Museo Terra de Melide

05 may 2023 . Actualizado a las 22:30 h.

Sábado, 6 • Museo Terra de Melide • 19.00 horas • Acceso libre • «Melidaos» é o título do último libro asinado polo historiador Xosé Manuel Broz Rei, que na que é a súa sexta obra sobre o seu Melide natal e os concellos da contorna narra, de xeito novelado, o devir da capital comarcal dende principios do século XIX ata principios do XX. De 1809 data un dos acontecementos históricos que o autor destaca entre os que narran na publicación: o decidido papel que as mulleres melidás desempeñaron na batalla que contra os franceses se librou na vila. «Las señoras de Galicia no son menos dignas que las de Gerona [...]. En la gloriosa acción de Mellid pelearon contra el enemigo al par de los hombres más valerosos», recollía a prensa española da época.

Non é o único capítulo en feminino do libro, no que Broz fai, tamén, un retrato biográfico de tres mulleres influentes, motivado non pola súa privilexiada situación económica e social, senón porque «non figuran mulleres na documentación, que é onde reside o valor do libro», explica. Dos arquivos municipal, eclesiástico e civil botou man o historiador melidense para documentar a publicación, que el mesmo editou logo dun lustro de traballo. A sede do museo etnográfico de Melide acollerá este sábado a presentación da obra, que se achega aos lectores como, en palabras do propio autor, «un paseo pola historia dende varios prismas».

En «Melidaos», Xosé Manuel Broz conta a historia de Melide, cedéndolle todo o protagonismo a quen a escribiron, que non foron outros máis quen, hai un século, foron veciños. É así como, no libro, o autor afonda na figura de persoeiros, aínda hoxe na memoria colectiva dos melidenses.

Persoeiros e familias

É o caso dos historiadores Antonio Taboada Roca, que era tamén boticario, e de Eduardo Álvarez Carballido, que exercía, ao tempo, de médico. Do mesmo xeito, rescata a xenealoxía de arraigadas familias na vila, como os Sotelo, os Salgado, os Mazaira, ou os Fuciños, cun rico arquivo fotográfico do que Broz obtivo boa parte das imaxe antigas que ilustran o libro. Con el, o historiador dálle continuidade —«pechando o círculo», di— a «Santispíritus de Melide», outra obra histórica que xira en torno ao antigo convento, hoxe igrexa parroquial.