Patrocinado por

Ourense terá máis maios e Rabo de Galo unha festa alternativa

La Voz OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Escultura floral de Os Maios de Ourense.
Escultura floral de Os Maios de Ourense. Santi M. Amil

O Concello incrementou os premios do concurso e programou dous concertos para o domingo

05 may 2023 . Actualizado a las 16:37 h.

A festa dos Maios de Ourense chegará este domingo, día 7, cun amplo programa de actividades e unha participación que suma propostas en relación á convocatoria do pasado ano. Ao peche do prazo de inscrición para participar no concurso da cidade estaban rexistradas 41 obras a concurso, nove máis que no 2022. Daquela na rúa do Paseo e na contorna dos xardíns do Padre Feijoo instalaranse 16 maios infantís, 14 artísticos e 11 enxebres. En todos os casos estarán acompañados das súas correspondentes coplas.

O Concello apostou por reforzar este ano a programación con concertos e animación durante todo o día e cun incremento dos premios en todas as categorías de maios e no apartado de coplas. A dotación no apartado de maio artístico será de 900, 700 e 500 euros para os tres primeiros clasificados. En enxebres os premios serán de 600, 400 e 300 euros respectivamente. E na categoría de infantís os mellores traballos verán recompensado o seu esforzo con 300, 200 e 100 euros.

A animación de rúa comezará ás once da mañá, coa ruada dos xigantes e cabezudos e a música tradicional. Será a esa hora cando se instalen os maios. Á unha da tarde haberá concerto de Tor na praza Maior e ás sete e media, no mesmo lugar, poderase ver o espectáculo de fados Tributo a Amalia Rodrigues.

Na cidade organizan unha festa alternativa en Rabo de Galo. No barrio celebrarán os Maios o sábado, día 6. A cita será ás cinco da tarde, diante do centro social. E ademais das pezas tradicionais haberá exposición de fotografías antigas, merenda de convivencia e foliada. A asociación de veciños de Rabo de Galo era unha das referencias da festa anual na cidade, ata que discrepancias coa organización da mesma levaron ao colectivo a rexeitar a participación na cita de Ourense.

A primeira vez en Parada de Sil

En Parada de Sil non hai tradición de festexar os Maios, pero todo pode mudar a partir deste ano. A proposta da encargada do centro dos nenos (ao que van cinco menores de tres anos polas mañás e os rapaces de primaria a clases de reforzo polas tardes), Leticia Rodríguez, fixeron un maio. Na súa elaboración non só participaron os rapaces, senón que contaron coa axuda da ANPA Os Noviños do Sil. A composición floral foi paseada polo casco urbano, facendo paradas nas prazas do Barquilleiro e do Curtiñeiro. Rodríguez di que aínda que este ano non houbo coplas, xa están pensando en facelas para o ano que vén.