Patrocinado por

«Fernández del Riego. Cos ollos do espírito», retrato fondo de don Paco

Lidia fernández LOURENZÁ / LA VOZ

VEN A GALICIA

Don Paco retornou á súa terra, nunha mostra calorosamente celebrada por autoridades, familiares e veciños.
Don Paco retornou á súa terra, nunha mostra calorosamente celebrada por autoridades, familiares e veciños. X. Ramallal

Inaugurada en Lourenzá a mostra sobre o homenaxeado nas Letras Galegas

11 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este mércores foi un día especial en Vilanova de Lourenzá, a capital do concello mariñán onde naceu o escritor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. Coa inauguración da exposición «Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do espírito», impulsada pola Xunta, producida pola editorial Galaxia e coa colaboración da Fundación Penzol e da Real Academia Galega, avánzase de xeito significativo na tarefa de dar a coñecer a súa figura.

A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, repasa a traxectoria vital e profesional do insigne intelectual laurentino. O espectador participa dun ameno percorrido no que a través de catorce paneis e de mesas-vitrinas con material gráfico e documental indaga quen foi Del Riego, nun retrato fondo que se achega ao seu legado e ao decisivo papel que tivo na recuperación e na consolidación da lingua e da cultura do país, erixíndose nunha das figuras máis destacadas do século pasado en Galicia. A súa férrea defensa do idioma e da cultura consagrouno como referente fundamental para as xeracións que chegaron detrás.

No acto participaron, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Galaxia e director da Fundación Penzol, Xosé Soutullo. A Xunta recalcou a pertinencia e compromiso coa celebración do 17 de Maio, para enxalzar «a lingua galega e a persoas que tanto fixeron por ela, como don Paco, un dos promotores do Día das Letras e que foi cofundador de Galaxia, da revista Grial e director da Fundación Penzol».

A exposición enmárcase na programación de máis dun cento de accións para homenaxear ao escritor laurentino, actividades nas que participan dende a Xunta á RAG, o Consello da Cultura Galega, empresas, entidades, administracións locais ata editoriais. Tras Lourenzá, a exposición poderá verse en Vigo e Santiago.

A vila natal de Don Paco acollerá os actos centrais do 17 de Maio

O 7 de xaneiro de 1913 Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá —un agasallo de Reis demorado para os pais, dicía— e na vila natal do homenaxeado este 17 de Maio festexará a Real Academia Galega os seus actos centrais.

A sesión extraordinaria e pública que cada ano celebra a entidade terá por escenario o centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas e comezará ás 12.30 horas. Nela intervirán os académicos Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión. Abordarán distintas facetas de Fernández del Riego. Alonso Montero centrarase nun episodio que revela o papel de Don Paco como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Díaz-Fierros falará do devir da paisaxe na súa obra e Ledo Andión dedicará o seu tempo a analizar a relación do intelectual cos medios de comunicación.

Músicas

O acto contará con senllas intervencións musicais, a cargo do cuarteto Souto Xímaro, de Lourenzá, e o coro Mestre Pacheco, de Mondoñedo. A entrada é libre ata completar o aforo e a sesión poderá seguirse en directo a través da web da Academia.

A infancia de Don Paco en Lourenzá foi crucial para o seu desenvolvemento como intelectual —foi un lector precoz grazas á influencia da familia e da escola— pero tamén tivo unha importante dimensión emocional, xa que alí xogou con outros cativos e foi consciente da pegada daquela paisaxe na súa personalidade.