Patrocinado por

Don Paco volve á biblioteca de Nigrán, vila onde veraneou trinta anos

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Xulián Maure e Camiño Noia, na exposición, que estará ata finais do verán na biblioteca de Nigrán.
Xulián Maure e Camiño Noia, na exposición, que estará ata finais do verán na biblioteca de Nigrán. M. Moralejo

Unha mostra percorre, da man da Fundación Penzol, a riqueza da vida e a obra do intelectual de Lourenzá que festexa o Día das Letras Galegas

12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nas súas memorias, don Paco contaba a importancia que lles daba ás súas vacacións», lembrou Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, durante a inauguración da exposición Unha idea de Galicia e de liberdade. Francisco Fernández del Riego (1913-2010) na biblioteca municipal de Nigrán. Foi nesa localidade, ao pé da praia de Lourido, como a el lle gustaba chamar á praia América, onde o protagonista do Día das Letras 2023 mercou un apartamento a comezos dos anos setenta para rachar co día a día que vivía en Vigo.

A súa integración coa contorna foi absoluta, e, anos despois, o pleno da corporación da vila aprobaba por unanimidade concederlle o título de fillo adoptivo. «El foi o primeiro gañador do premio Nano Cambeiro que organizamos no Instituto de Estudos Miñoráns, e fíxoo cun artigo no que se meteu nunha cuestión conflitiva por estas terra, se o río Miñor, se o río Zamáns», recordou con agarimo Carlos Méixome, do mencionado instituto.

Con estes precedentes, o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, pediulle á Editorial Galaxia que fixese unha exposición sobre don Paco adaptándoa á súa presenza no concello do Val Miñor. O resultado son sete paneis informativos, documentados con fotografías, nos que se fai un resumo da vida tan cargada de fitos e responsabilidades que tivo Del Riego, incluso cando veraneaba en Lourido. «Antes de que saíse o seu libro de memorias Camiño andado, atendeunos máis de tres horas para contarnos coa fluidez da súa palabra o seu percorrido vital», engade Méixome.

O percorrido empeza cun bloque, vai da Lourenzá natal á vida universitaria do patriarca da cultura galega en Compostela e á súa experiencia bélica. Despois, está a súa chegada a Vigo e as actividades políticas, no intento de recompoñer o Partido Galeguista, e, sobre todo, as culturais, co nacemento do selo Galaxia, a súa entrada na Real Academia, a creación do Día das Letras e a posta en marcha da Fundación Penzol. Os seguintes paneis xa falan dunha época máis luminosa, xa en democracia, e, finalmente, vén o apartado dedicado ao areal de Lourido.

Méixome lembrou a todas as persoas que se achegaron á inauguración —entre as que se atopaban a lingüista Camiño Noia, amiga de don Paco, e Xulián Maure— como estes días o párroco de San Pedro da Ramallosa colocou unha pancarta lembrando que nese cemiterio descansan os restos mortais de Francisco Fernández del Riego.

A mostra estará aberta durante todo o verán na biblioteca pública de Nigrán, e, despois, segundo avanzou o rexedor Juan González Pérez, será posta á disposición dos centros culturais e asociacións veciñais do municipio. González rematou recordado como coñeceu a don Paco no seu despacho da Fundación Penzol. «Eu levaba unha camisa azul, e, cando me viu, díxome, asustado, que parecía un falanxista», relatou cun sorriso o alcalde.