Patrocinado por

Paisaxe arredor da lamprea

Pedro García Vidal

VEN A GALICIA

Percorrendo a conca do río é posible atopar vestixios das antigas pesqueiras.
Percorrendo a conca do río é posible atopar vestixios das antigas pesqueiras.

Un paseo a carón do Tambre na procura dun misterioso animal

29 may 2023 . Actualizado a las 21:14 h.

Nestes últimos días de maio, e logo de que o canto do cuco resoase xa nas fragas pregoando o remate da tempada de captura da lamprea, aproveitamos para falar deste animal misterioso con aspecto repulsivo, unha especie de serpe mariña, sen escamas, sen aletas e sen espiñas, de medula xelatinosa e cunha boca redonda poboada por varias fieiras de dentes coa que, a modo de ventosa, se fixa aos peixes grandes para chucharlles o sangue. Estamos ante un máis desa colección de animais mariños con aspecto noxento que os galegos gustamos de comer. Trátase do Petromyzon marinus, lamprea ou lambepedras, un dos invertebrados máis primitivos que existen. Un vestixio dos tempos máis remotos, un precursor dos peixes, unha especie de serpe de mar ou, para algúns, un vampiro acuático. A súa enigmática existencia non deixa indiferente a quen se achega a coñecelo.

Pola súa propia natureza —nin carne nin peixe—, pola súa antigüidade —un animal do xurásico—, polos seus costumes —un migrador anfidromo que nace no río, vive no mar e regresa ao río para desovar e morrer—, pola súa propia preparación culinaria —o único peixe que se prepara no seu propio sangue—, ou polo feito de que só pode pescarse en datas e ríos determinados, todo iso contribúe a facer da lamprea un misterio e un ritual.

Bocado milenario

A degustación deste bocado milenario levanta paixóns ou grandes rexeitamentos, non hai termo medio. Porén, nin o seu noxento aspecto, nin os seus costumes vampíricos foron quen de impedir que se comese en Galicia dende sempre. Cunqueiro, un gran comedor de lamprea, falou da afección dos romanos ás lampreas galegas. Na Idade Media era prato moi recoñecido das clases nobres, que o preferían, nos tempos de vixilia, a outros peixes menos saborosos; de aí as disputas polo control das súas pesqueiras nos ríos galegos.

No río Tambre, augas arriba da central eléctrica, obra monumental do arquitecto Antonio Palacios, a presenza das antigas construcións para a captura da lamprea, rodeiros e pesqueiras, documentan visualmente sobre a historia do vello Tamaris e das xentes ribeiregas arredor dun animal mítico, hoxe case desaparecido das súas augas pola cobiza humana. Estes rudimentarios elementos pétreos son memoria da antiguísima relación seres humanos-río na procura do prezado manxar. Arredor dun río e dun peixe emerxe unha historia de séculos: foros, mosteiros, nobreza e reis, a loita polo control do poder cada un para o seu beneficio.

Un demorado paseo pola beira do río, coa mirada atenta, permite a descuberta de todo un tratado de historia, xeografía e paisaxes construídas que gardan a memoria do Tambre, as súas lampreas e pesqueiras e as xentes que nel foron desenvolvendo a súa vida no decorrer dos séculos. O ilustrativo topónimo da aldea do Castro Lampreeiro, empoleirada sobre o río, constitúe todo un compendio sobre a herdanza simbólica dun pasado milenario de relación dunhas xentes cun misterioso animal que, de seguro, axuda a entendermos mellor a historia do que somos.