Comedia, música e narrativa oral volven a Sarria co festival cultural Ultreia et Suseia
VEN A GALICIA
A cita terá lugar do 16 de xullo ao 23 de agosto e reunirá a cómicos coma David Amor, Xosé A. Touriñán ou Luis Piedrahita, influencers coma Pepe y Lucas, narradoras coma Raquel Queizás e Paula Carballeira ou os grupos Peleriños, Meigas e Trasgos, Huhú e Rúa da Música
27 jun 2023 . Actualizado a las 13:19 h.Comedia, música, paseos teatralizados, exposicións e narrativa oral volven a Sarria co festival cultural Ultreia et Suseia, que celebra a súa segunda edición. A cita, que terá lugar do 16 de xullo ao 23 de agosto, reunirá, entre outros, a cómicos coma David Amor, Xosé A. Touriñán ou Luis Piedrahita, influencers coma Pepe y Lucas, narradoras coma Raquel Queizás e Paula Carballeira ou os grupos Peleriños, Meigas e Trasgos, Huhú e Rúa da Música.
O festival Ultreia Et Suseia está organizado pola produtora Etiqueta Negra e apoiado polo Concello de Sarria. É un proxecto multidisciplinar ambicioso, que busca consolidarse a medio prazo como un espazo de posta en valor do traballo das distintas asociacións culturais da comarca Sarria, dos seus artistas e dos distintos axentes culturais galegos.
Ultreia et Suseia, cuxo nome fai referencia ao histórico saúdo no Camiño de Santiago e que se pode traducir do latín como «Segue adiante, máis arriba», ten un cartel de actividades conformado totalmente por artistas galegos e case todas as actividades serán de balde. Así, poderase gozar de espectáculos de artes escénicas de narrativa oral tanto para público adulto como familiar, dos paseos teatralizados de carácter didáctico Camiñografías e a estrea absoluta do espectáculo de comedia dos influencers Pepe y Lucas, que contan con máis dun millón de seguidores en Tiktok. Nos próximos días anunciarán o resto daprogramación.
As únicas actividades de pago serán os espectáculos cómicos Recuncho da Comedia, un show especial exclusivo para o evento de David Amor, Pablo Meixe e Danny Boy-Rivera, que abrirá o ciclo o 16 de xullo; Xosé A. Touriñán o 22 de xullo, e Luís Piedrahita, que pechará a programación o 23 de agosto. As entradas estarán dispoñibles a partir do 28 de xuño ás 12.00 horas en Ataquilla.
Unha das grandes novidades desta edición é a aposta polas asociacións culturais da comarca de Sarria. Xa está confirmada a participación de Peleriños, Meigas e Trasgos, Huhú e Rúa dá Música. Desde a organización destacan que Ultreia «é un proxecto aberto a todo o mundo que queira participar». Tamén reivindican a importancia que ten o Camiño de Santiago e o seu papel no fomento da cultura: «Vémolo como unha oportunidade para fomentar o intercambio cultural e así impulsar o tecido cultural galego».
Narrativa oral para todos os públicos
Outro dos puntos fortes de Ultreia et Suseia son os seus espectáculos de artes escénicas enfocados á narrativa oral, que serán de balde. Pequenos e maiores poderán gozar da sesión de contacontos de Raquel Queizás, Travesías. Trátase dun espectáculo que conxuga monicreques e narrativa oral cunha perspectiva de xénero que rompe coa idea do papel da nena nos contos tradicionais. Polo mesmo camiño vai o espectáculo de Eva Rilo Elas, que ten á igualdade como protagonista.
Tamén haberá actividades de artes escénicas pensadas exclusivamente para un público adulto. Atenea Fernández en Vicio Houbo Sempre mostrará historias recollidas nos últimos anos dos seus protagonistas. Ademais, Paula Carballeira en Os Contos Que Me Contaron mostrará os seus máis de vinte anos de experiencia no oficio.
Camiñografías
Nesta segunda edición volven as Camiñografías, paseos teatralizados que mostran a historia de Sarria, a súa comarca e a súa relación co Camiño de Santiago dunha maneira amena á vez que rigorosa. Nesta ocasión, celebraranse dous debido ao éxito da actividade na súa primeira edición. Serán os días 17 e 24 de xullo e serán de balde.