Festivais, exposicións, contacontos ou proxeccións audiovisuais: CulturON suma máis de 2.500 propostas culturais para gozar deste verán en Galicia
VEN A GALICIA
A Xunta impulsa actividades por todo o territorio entre os meses de xullo e setembro
03 jul 2023 . Actualizado a las 19:05 h.Descentralizada e diversificada. Así é a proposta cultural da Xunta para estes meses de xullo, agosto e setembro, con máis de 2.500 iniciativas repartidas por toda Galicia. Algunhas directamente organizadas pola Administración galega e outras en colaboración con institucións ou empresas privadas, CulturON pretende ser o paraugas co que promocionar e difundir «a inxente cantidade de actividades culturais que se están desenvolvendo», tal e como adiantou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na súa presentación. Vai haber para todas as idades e gustos. Para os pobos e para as cidades. Como exemplo Territorio Cultura, un programa de dinamización do rural galego con medio cento de espectáculos ou as 300 actuacións do circuíto Cultura no Camiño, con propostas escénicas e musicais en 88 concellos.
Teatro, festivais de música, contacontos, exposicións ou sesións de cinema. A programación presentouse no Gaiás, coa actuación da compañía Desastronauts, que fixo un espectáculo de acrobacias aéreas, e contou coa participación de Xoán Quintáns, director do festival de música Revenidas que se celebra en Vilaxoán. Quintáns agradeceu a colaboración da Xunta xa que grazas a unha liña de axudas de concorrencia competitiva do Agadic este festival deu un enorme salto hai doce anos ata chegar aos 600.000 euros de orzamento cos que conta nesta edición. Tamén falou Soledad Felloza, do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que chega este ano a 24 localidades galegas e unha de Portugal con 90 funcións.
Son so dous dos exemplos que poderán gozarse este verán. Non faltarán clásicos como a MIT de teatro de Ribadavia, o programa de música e baile tradicionais Danza 3, o circuíto de teatro afeccionado de Fegatea, con 80 representacións, ou os máis de trescentos festivais de música, teatro e audiovisual. Un exemplo son os asociados a FEST Galicia, onde a música, a implicación co territorio e a sostibilidade van collidas da man. O Sinsal da Illa de San Simón ou o Ribeira sacra festival son dous exemplos. Mesmo a música relixiosa ten a súa cabida no ciclo de concertos de Barcia de Mera.
Os museos tamén terán moita presenza nestes meses. Unha das grandes mostras do ano será a que hoxe se inaugura no Museo Centro Gaiás sobre o centenario da fundación so Seminario de estudos galegos ou A Coruña no tempo dentro do gran proxecto expositivo que percorre as sete principais cidades galegas.
No audiovisual o abano vai desde as proxeccións cinematográficas de Redecinema —18 proxeccións noutros tantos concellos— ao programa Falaredes, con 55 pases con monicreques e outro tipo de espectáculos que percorrerán diferentes municipios galegos. Tamén viaxarán as furgotecas para levar a lectura a vinte municipios de Lugo e Ourense con contacontos, actividades vinculadas á escrita ou mesmo o programa Ler conta moito no que monicreques, contacontos e actividades musicais se dan a man. En resumo, apuntou Román Rodríguez, unha oferta «participativa e colaborativa» na que a Xunta inviste uns catro millóns de euros e que «reflicte o gran momento de crecemento e de pluralidade creativa que vive a cultura galega».