Patrocinado por

Luis Zahera: «De 58 anos que teño, levo 50 veraneando na Illa de Arousa»

r. cocaño / s. g. A ILLA / LA VOZ

VEN A GALICIA

O actor Luiz Zahera dáse un baño na praia de A Canteira, na zona de O Bao.
O actor Luiz Zahera dáse un baño na praia de A Canteira, na zona de O Bao. MARTINA MISER

O actor, que está construíndo unha casa no municipio arousán, lembra os seus mellores días ao pe da ría

22 jul 2024 . Actualizado a las 11:42 h.

Luis Zahera, actor compostelán coñecido por toda Galicia polo seu papel como Petróleo en Mareas Vivas e recoñecido estatalmente gañando un Goya a mellor actor de reparto pola súa actuación en As Bestas, continúa conquistando o corazón dos galegos a pesar das súas actuacións de tipo duro.

Eses papeis levaron ao actor a catapultarse a unha cantidade de proxectos sorprendente, nos que prevalece a marca Galicia: ben sexa por ser rodados aquí, como é o caso da comedia Animal Salvaje; por contar cun gran número de actores galegos no reparto ou ben por contar cun equipo técnico da nosa comunidade autónoma.

Á hora de falar de descanso é máis complicado. Zahera atopa na Illa de Arousa o lugar ideal para pasar as vacacións, ou o que se poida considerar como tal: «Non podo gozar moito das vacacións ou da Illa porque estou en moitas movidas. Igual teño un 80 % de traballo e un 20 % de lecer». Entre tanto, o actor rememora o que para el é o mellor da illa, retrocedendo ao pasado para atopar os momentos máis felices en lugares que frecuenta en verán, como o parque natural do Carreirón ou a praia de Milhomes; para falar doutros espazos nos que cumpre os seus obxectivos nas vacacións —comer e durmir ben—, como é o bar Avenida da Ponte; e para recordar tempos nos que os arroaces e os veciños do lugar impregnaron tanto a súa memoria ata o punto de non poder esquecerse nunca deles. Cincuenta anos de momentos vividos na Illa, que pouco a pouco fóronse consolidando como dos máis felices da memoria de Zahera.

—Ben é sabido que a Illa é un destino que che gusta frecuentar para descansar cando é tempo de vacacións. Que lugares son os que máis visitas durante a túa estancia aquí?

—A verdade é que me gusta moito ir ao Carreirón, ao Parque Natural poder pasar por alí coa bicicleta. Como tamén gozo da soidade, ir ata alí e percorrer a zona agrádame de veras. Levo tamén toda a vida indo á praia de Milhomes, que ten un nome bastante gracioso e peculiar. Cando veño aquí gústame comer e durmir ben, e intento cumprir ambas. O bar Avenida da Ponte, aos que xa case considero da casa, é a miña elección para comer, pois sempre teñen unha mesa para min, e normalmente vou alí cando veño á Illa. Supoño que son as vantaxes que dá a popularidade.

—Es capaz de desconectar ao 100 % cando estás de vacacións en Galicia?

—Son capaz de desconectar, si, mais porque intento non coller moito o teléfono, que agora con isto das redes sociais todo o mundo me di: «Que de moda estás! Que de moda te puxeches!» e é complicado non estar pegado ao móbil. Eu estou alucinando, pero é que hai veces que non sei dicir que non. E como agora teño enriba unha carga inaudita de traballo, pois sempre é máis difícil. Pero estou namorado do meu traballo, realmente namorado; estoume volvendo adicto a el, mais no bo sentido.

—Canto tempo levas veraneando na Illa?

—Pois de 58 anos que teño levo vindo aquí 50 a veranear. Agora mesmo estoume facendo unha casa por alí.

—Se tantos anos pasaches aquí, a cantidade de momentos a rememorar debe ser innumerable. Cal é a lembranza máis bonita que tes deste lugar?

—Teño bastantes que gardo con moito cariño. Lembro que cando era pequeno, nun momento no que aínda non existía a ponte, íamos na motora a Arousa. Nunca daba crédito do que vían os meus ollos: uns arroaces que chimpaban detrás nosa a medida que nos moviamos. Tamén me encantaba que, cando cheguei á Illa, había dornas e os veciños atracaban a remo, sen motor. Agora mesmo non se ve iso, vai todo motorizado. Eran alucinantes os movementos, pois facíano todo perfecto e moi sutil. Lembro ademais a primeira vez que subín en batea, que foi co señor Gerardo. As carreiras que facían polos postes e toda a súa práctica, que a min me metía moito medo.

—Tes planeado na túa axenda vir a Arousa nun período corto de tempo?

—Vou ir catro días laborables agora en menos dunha semana, do 21 ao 25 de xullo, para estar coa familia e achegarme ata a Avenida da Ponte. Pero o dito, estou en dúas mil cincocentas movidas. Actualmente estou en A Coruña, tamén ando co monólogo por España adiante, polo que vacacións como tales poucas. Si que hai algunha fin de semana na que podo gozar algo máis, pero sen parar.

—Sintes predilección por algunha das festas galegas? Algunha que non te poidas perder?

—Pois mira, como non podo ir á maioría, non podo dicir. Si que lembro ir de pequeno aos vikingos de por alí cerca, pero ao Caraverán, por exemplo, nunca puiden ir.

—Tal e como dicías, atópaste namorado do teu traballo. Estás enfrascado nalgún proxecto ultimamente?

—O tema do monólogo é o que ocupa o meu día a día actualmente. Ademais, en setembro teño planeada unha película de Daniel de la Torre para Amazon na que represento o papel do pai de Mario Casas, nun filme de xénero de espionaxe. O título do proxecto é Cassiel.