María Vázquez, actriz: «En Chantada coñécenme antes por ser a María que polo traballo»
VEN A GALICIA · Exclusivo suscriptores
A intérprete galega atopou en Chantada, na Ribeira Sacra, un paraíso familiar onde gozar do seu tempo libre.
10 sep 2024 . Actualizado a las 18:42 h.María Vázquez (1979) mudou hai un ano Santiago de Compostela pola súa vila natal de Chantada. Ademais de «estar cerca da rede familiar» atopa tempo, entre ensaios e proxectos, para facer dunha camiñada, un paseo en kaiak ou unha copa de viño rodeada de amigos.
—Entón, durante todo o verán estas en Chantada tamén?
—Si. Temos a bodega cerca do río e encántame estar alí.
—Vendedes ou é para consumo voso?
—Facemos produción artesanal para nós. É pequena pero ten para quedar a durmir. Agora, a miña parella está collendo o relevo de meu pai.
—Agora que contas o da bodega, estame recordando ao teu personaxe en Cuñados.
—Totalmente. Para min foi moi chulo cando fixemos Cuñados porque o sinto moi próximo. Aínda que era no Ribeiro, supuxo unha homenaxe á miña familia.
—Hai algunha festa ou evento que nunca te perdes?
—Como a miña familia é de Carballedos (Chantada), non me perdo as festas do Santiago na Barrela. Nas festas de Chantada gústame moito o martes da empanada e o sábado de folión dos carros.
—E se te tes que quedar con unha?
—Téñolles especial cariño ás de Chantada. Desde pequena recordo pasar os veráns de festa ata o San Ramón. As festas de Chantada son a última semana de agosto e entón é unha forma de despedirse do verán
—Teño lido nalgunha entrevista que desde pequena che gustaban os disfraces. Hai algún carnaval de verán na zona?
—Por primeira vez houbo carnaval de verán en Chantada. A min paréceme que calquera escusa é boa para disfrazarse, ou para vestirse. Por exemplo, coa familia sempre imos de carroceiros no Sábado do Folión. Non me chega con cambiar de persoa no traballo que tamén o fago fora. Son máis tímida do que parezo.
—Tes moito traballo en verán?
—Durante o verán hai sempre moitos ensaios de preparación. Agora estamos preparando outro proxecto e encántame esta fase de crear, probar e ensaiar. Sempre penso coller un tempo para min pero ao final é a época onde máis traballo hai. En setembro empezan as rodaxes e logo en inverno en Galicia é máis complicado rodar.
—Os teus últimos anos supoño que serían de non parar.
—Desde a pandemia está sendo unha loucura. Estou contenta pero con ganas de descansar. Van saíndo proxectos moi chulos aos que é difícil dicir que non.
—É difícil buscar o equilibrio
—Ás veces. Co tempo tamén aprendes a dicir que non a determinados proxectos. Aínda que o meu traballo é moi satisfactorio a nivel persoal, tamén necesitamos tempo para nós, por exemplo para a crianza dos fillos. Estar en Chantada permíteme estar cerca dos amigos e a familia.
—Nese tempo para unha mesma, como o aproveitas?
—Encántame facer kayak no embalse de Belesar. Non se me ocorre meterme nas correntes do río.
—Tampouco fai falta o subidón de adrenalina.
—Non, non. Non me gustan os deportes de risco, e por contrato moitas veces nin nolo permiten.
—Algún recuncho para relaxarte?
—Non vou dicir moitos que senón pérdese o segredo. Pero xusto en Belesar pódese ir en embarcación a Illa de Maiorga que é unha pasada.
—Algunha outra actividade?
—Aproveito para ler todo o que non me da tempo no inverno. Tamén os cines de verán ou pasear.
—É unha zona moi bonita para o sendeirismo
—É xenial. Sempre lle pregunto a un amigo meu por rutas novas. Ademais, como agora os días son longos, gústame facer moito rutas á tardiña cando non apreta tanto a calor.
—Foi un dos sitios onde antes chegou o verán a Galicia.
—Estamos tendo moita sorte co clima. Queixámonos cando refresca un pouco pero tamén é unha marabilla. Cando estiven ensaiando en Madrid, iso era un forno.
—Prefires o fresco entón non?
—Por suposto. Ademais, este ano é o primeiro que paso enteiro en Chantada. Encántame estar agora en verán porque hai máis ambiente e atópaste coa xente sen necesidade de móbil.
—Supoño que antes en Madrid ou Santiago igual era máis complicado gozar dunha terraza
—Non son tan famosa de cara a xente. Síntome respectada polos compañeiros de profesión. Ademais, en Chantada coñécenme antes por ser a María que polo traballo.
—Non tes o disfraz de María actriz?
—Estou moito máis cómoda, síntome máis libre e tamén che poñen os pés na terra cando estás nominada a un premio.
—Falamos de terrazas, da bodega... Cal é a túa bebida do verán?
—Ao ser da Ribeira Sacra teño que ser de viño. Gústame moito, aínda que ás veces se meten comigo, o tinto de verán con mencía.
—Espero que non se forme ningún conflito diplomático coas bodegas.
—Ao contrario. Hai moitas veces a idea de que mesturar o viño é estropealo. Pero creo que é unha forma de valoralo.