Patrocinado por

Pablo Meixe, humorista: «Ir ao Marisquiño de Vigo ou as festas de Ordes é obrigatorio»

VEN A GALICIA

Pablo Meixe nun retrato na natureza.
Pablo Meixe nun retrato na natureza. Graciela Vilagudin Photography

O «influencer» e humorista ordense reside durante o ano en Madrid e pasa as vacacións en Galicia, principalmente na súa vila natal de Ordes.

28 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Meixe (Ordes, 1993) é un dos referentes galegos no humor dende hai uns anos. Coa exitosa xira Meixeverso recorre os teatros de diversas cidades de España. A diario, consegue debuxar sorrisos a través da pantalla. Conta con miles de seguidores en TikTok e Instagram, onde se autodefine como «cómico, mimo e payaso». O seu contido en redes abarca dende os memes e trends máis actuais ata a concienciación ambiental. Antes de saltar á fama, sempre traballou no espectáculo e co público moi presente. Meixe compartía o seu innegable talento coa xente como animador de eventos ou monitor de teatro no concello de Ordes.

—Cal é a túa bebida favorita para o verán?

—Bebida favorita? Así de primeiras diríache algo moi guiri, a sangría. É moi refrescante.

—Cando ías a praia, esperabas para bañarte despois da dixestión?

—Intentaba escaquearme do que me dicía miña nai, pero acostumaba a tirarme nada máis comer a merenda.

—Cal dirías que é a túa canción do verán?

—A miña canción do verán? Non sabería dicirche unha claramente. (Pablo mira rapidamente entre as súas listas de música). Pa' impresionar de Verto creo que é das que máis me gusta.

—Hai algunha que non soportes?

—Uf, moitas. Calquera do grupo este americano que sempre cantan o mesmo, Maroon 5. Non podo con eles.

—Espero que non vaian ler a entrevista. Hai algunha festa que nunca te perdes?

—Ir ao Marisquiño ou ás festas de Ordes é obrigatorio.

—Cal é o peor recordo que tes das vacacións?

—Quizais o peor foi cando visitara Marrocos. Estaba en Marrakech e comín algo dun posto da rúa que me estragou o resto das vacacións. Algún condimento ao que non estaba acostumado debeume facer unha desfeita no estómago.

—E o mellor?

—As festas do orgullo do ano pasado en Madrid. Puiden ir nas carrozas con moitos amigos e foi unha experiencia moi boa. Íamos na carroza oficial da película de Barbie con amigas como Andrea Compton e pasámolo super ben.

—Adoitas traballar no verán ou foi máis un período de descanso?

—Antes de adicarme a redes e que petaran as visitas adoitaba traballar máis en verán. Era animador de eventos e cando más traballo tiña era en verán coas vodas e comunións. Agora é ao revés, traballo máis durante o ano coa xira e en verán descansamos. Incluso cos vídeos as marcas traballan máis durante o resto do ano.

—Que situación prefires?

Prefiro a de agora. É máis descansada e podo gozar moito máis do verán.

—Que che supón un día de choiva?

Véñome un pouco abaixo, eu son de calor, quero sol todo o verán. Probablemente quedaría na casa xogando a Play ou lendo un libro. Non son de facer plans cando chove.

—Entón, lecturas de verán...

—Ás veces leo na praia pero son máis de ler durante o ano.

— En Galicia está chovendo moito. Pasas as vacacións máis aquí ou en Madrid?

—O meu campo base é Ordes pero móvome bastante pola costa: Ons, Cíes... Voume acoplando aos meus colegas de diferentes vilas.

—Algún recuncho ou sitio para ver a posta de sol?

—Quizais me quedaría con algunha terraciña da praia de Razo. Vense unhas postas de sol moi chulas cos surfistas na praia.

—Practicas surf?

—Non, gústame velos de lonxe. Sinceramente o surf paréceme algo aburrido, tes dez segundos de pasalo ben e logo tes que nadar tres minutos para coller outra onda. Eu, aínda que non me puxera de pé na táboa, non me convenceu.

—Algo máis do verán de Pablo Meixe?

—Son moi fan de visitar en verán parques naturais. Gústame facer rutas de sendeirismo. Estou moi implicado coa sostibilidade e o medio ambiente, que foi o que estudei e gústame acudir a eles. A xente vai moito á costa e olvídase do interior no verán. Gústame moito o Parque Natural do Invernadeiro en Ourense. Ten rutas moi asequibles e podes ver corzos, cervos e peixes na auga cristalina do río. Non é demasiado coñecido así que animo a calquera persoa a que vaia.