Patrocinado por

Achan catro textos xacobeos inéditos anteriores ao Códice Calixtino

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

VEN A GALICIA

Detalle da copia máis antiga da «Concordia de Antealtares». Á esquerda, o profesor e investigador da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Joel Varela.
Detalle da copia máis antiga da «Concordia de Antealtares». Á esquerda, o profesor e investigador da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Joel Varela. Arquivo Histórico da USC

O investigador da USC Joel Varela incorpora estas novas versións do relato da translación, clave para a historia das peregrinacións a Compostela

24 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O achado de catro textos xacobeos inéditos anteriores ao Códice Calixtino provoca a incorporación de novas versións do relato da translación, un aspecto clave para a historia das romaxes a Compostela. No volume Más allá del Códice Calixtino. Otros textos en torno a Santiago el Mayor hasta el siglo XII, que o profesor da Facultade de Filoloxía da USC (Universidade de Santiago) Joel Varela Rodríguez acaba de publicar, recóllense estes textos de datación más antiga cá famosa guía medieval para as peregrinacións a Compostela. O libro inclúe, ademais, textos ou fragmentos de textos xa coñecidos e moi relevantes para o coñecemento do culto xacobeo, dende as súas orixes máis antigas ata o ano 1200, algúns deles revisados, explican fontes da Universidade.

Os textos preséntanse na súa versión orixinal, xunto coa correspondentes tradución e os comentarios, que complementa unha ampla introdución literaria e histórica. Para desenvolver este proxecto, o profesor Varela recibiu unha axuda da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, apoiada por Turismo de Galicia.

«Os textos inéditos máis salientables son catro novas versións do relato da translación, a Translatio sancti Iacobi, todas elas probablemente da segunda metade do século XI e tamén probablemente escritas en Compostela, aínda que están conservadas só en manuscritos extrapeninsulares. De entre estes, os únicos que se encontran en acceso aberto son dous da biblioteca estatal de Múnic», explica Joel Varela, docente da área de Filoloxía Latina do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC.

A tumba do Apóstolo

Outro texto relevante, indica o investigador, é a chamada Concordia de Antealtares, que «recolle a versión máis extensa do achado da tumba de Santiago; non estaba inédita, pero só existían transcricións das copias e non do documento máis antigo, que foi modelo das outras copias conservadas e que custodia o Arquivo Histórico da USC».

A orixe do fenómeno histórico das peregrinacións a Compostela, segundo Varela, non se comprende sen unha serie de textos, de procedencia e cronoloxía diversa, que lexitiman e dan veracidade aos factores que motivan esas peregrinacións: a predicación do apóstolo Santiago o Maior na península ibérica, a translación do seu corpo a Galicia e o achado milagroso da súa tumba en Santiago. Algúns destes textos pasaron a configurar o chamado Liber sancti Iacobi, cuxo testemuño máis antigo e importante, o Códice Calixtino, é hoxe ben coñecido, existindo unha transcrición recente e traducións anotadas a diversas linguas.

Ata finais do século XII, puxéronse por escrito outra serie de textos que non foron incorporados ao Liber sancti Iacobi e que, en moitos casos, son de importancia capital para a comprensión do fenómeno xacobeo; por exemplo, a Concordia de Antealtares, a Epístola do papa León ou varios himnos na honra de Santiago, así como os primeiros testemuños de peregrinacións. A pesar da súa relevancia, ata agora, moitos estaban dispoñibles só en edicións dispersas e de difícil acceso. Practicamente ningún deles, todos en latín, contaba cunha tradución a unha lingua moderna.

O grande obxectivo de Joel Varela foi reunir todos os textos referentes ao apóstolo Santiago en Compostela e ás peregrinacións xacobeas ata finais do século XII, momento no que termina de configurarse o canon fundamental, para logo traducilos ao castelán para facilitar a súa difusión entre a comunidade investigadora das rutas xacobeas, cunha pertinente introdución histórica e as correspondentes anotacións, detallan esta fontes da USC.