Patrocinado por

Enraizar no rural: da urbe de Barcelona a vivir e plantar patacas nunha aldea de Val do Dubra

La Voz SANTIAGO

VEN A GALICIA

Lara Lozano

Mariana Rodriguez e Jose Conde optaron por Abelenda para crear unha familia que xa ten un novo membro: o pequeno Jose

01 nov 2024 . Actualizado a las 10:46 h.

Mariana Rodríguez volveu a Galicia despois de moitos anos en Madrid e Barcelona, pero regresou dun xeito diferente porque retornou para asentarse na Abelenda, en Val do Dubra. Pasou a súa infancia na Coruña, na cidade, e a vida levouna a outras moitas, malia a que o seu corazón sentía dalgún xeito a necesidade de volver á terra para experimentar unha parte descoñecida: vivir no rural. Canda ela veu a súa parella, Jose Conde, decididos a quedar na aldea. Tanto é así, que a decisión veu acompañada da mellor semente que podían ter para enraizar: o pequeno Jose, que agora ten 9 meses, dubrés de nacemento.

Levan un ano en Val do Dubra, aínda que algo máis de dous, indo e vindo, ata que puideron deixar Barcelona definitivamente. «Cando os veciños souberon que estaba embarazada alegráronse case máis que os nosos pais», sinala Mariana cun sorriso: «É que a xente da aldea acolleunos desde o primeiro momento coma parte da familia». No proceso de adaptación e traslado tiveron algún que outro contratempo, coma cando o céspede se converteu nunha leira e había que segala. Mariana recórdao como algo ben especial «resulta que se xuntaron todos os veciños da redonda, trouxeron un tractor e apeiros para recoller a herba, botamos un día enteiro recollendo nela, eu, por riba, embarazada que non podía axudar moito. Aquel día ata me emocionei». «Foi sen pedilo, iso nunha cidade é impensable», engade Jose quen valora moito o trato de comunidade que achega o rural, esa confianza que tes cos que viven ao pé da casa e a liberdade e protección que iso supón.

Esa seguridade da que falan tamén foi un dos alicientes que os levaron a elixir o rural para a crianza do seu meniño. «Saber que pode saír a xogar cos nenos da aldea sen ter que estar preocupados, para nós é esencial. El seguramente non o valorará porque vai medrar con iso, pero eu é algo que de nena gocei moitísimo e cando me fun para as grandes cidades vin que o resto dos nenos non o tiñaa. É impensable que o teu fillo xogue na rúa sen estar con el» sinalan, á vez que poñen en valor esa conexión coa terra, cos animais e coa lingua: «O noso neno vai poder falar castelán, catalán e galego». De feito, esta é unha das familias que forma parte do programa Apego, ao que se adheriu este ano o servizo de normalización lingüística do concello, e a propia Mariana sinala que cando estivo en Barcelona o galego abriulle portas: «Contratáronme na empresa na que estiven, precisamente por saber falalo».

Houbo quen lles dixo que tolearan, que non ían acostumarse a vivir no rural. Ata os seus pais tiñan a súa pequena teima de que fora unha decisión definitiva. «É un cambio moi grande, pero realmente démonos conta que temos todo o que necesitamos aquí para o día a día: tes servizos, podemos teletraballar xa que a conexión de internet é a mesma que tiñamos aló porque hai fibra (de feito Jose mantén o seu traballo de Barcelona), tes praza na escola infantil, alí é impensable, e podes conciliar mellor que en ningún lugar. Se precisas ou queres ir á cidade, estamos a 40 minutos da Coruña e a un paso de Compostela; se ata nos traen o pan á porta da casa, peixe e carne frescos. Somos afortunados», sinalan abraiados porque foi das cousas que máis lles sorprendeu xunto cos agarimos en forma de ovos da casa que recibiron mentres non tiñan as súas propias galiñas.

Como na casa

Xa están completamente adaptados, ata recolleron as súas primeiras patacas, e gustaríalles que a aldea seguise medrando: «Hai casas á venda na Abelenda, así que o noso consello para aqueles que queren deixar a cidade é que veñan probar. Vai ser unha boa elección, aquí sempre hai que facer…», sorrín cómplices os dous cando Mariana recorda que lles dicían que «na a aldea ídesvos aburrir». 

Mariana é un exemplo claro de muller de cidade que pasou a ser do rural. O 15 de outubro conmemorouse o Día Internacional da Muller Rural e a ela tamén lle hai que agradecer o seu esforzo e implicación por ser exemplo de evolución: «Hoxe en día as posibilidades que temos, especialmente para traballar, abren as portas a que moitas poidamos ser mulleres rurais sen que a nosa actividade estea ligada directamente coa agricultura ou a gandaría. Podemos compatibilizar o traballo con ter unha horta, con dinamizar a nosa parroquia». Así o cree, á vez que amosa o involucrada que está coa comunidade, pois foi elixida presidenta da Asociación de Veciños A Pontella. De aquí a un longo prazo, vense igual que estaban agora: «Criando ó noso fillo aquí na nosa casa, observando a paisaxe verde pola ventá».