Patrocinado por

James Rhodes, un «fodechincho respetuoso» á procura de casa en Galicia: «Quero pasar o meu tempo nesta incrible comunidade»

I. G. LA VOZ

VEN A GALICIA

Rhodes, posando coa su inseparable cámara fotográfica.
Rhodes, posando coa su inseparable cámara fotográfica. José Oliva | EUROPA PRESS

O afamado pianista británico, que reside en España e visita a nosa comunidade cada vez con máis frecuencia, anuncia no seu perfil en Instagram que o seu desexo é converterse nun galego máis: «Dende que pisei Galicia souben que quería acabar vivindo aquí» 

11 feb 2025 . Actualizado a las 13:04 h.

Nado en Londres en 1975, o pianista, escritor e filántropo James Rhodes, leva moitos anos instalado en España. Coñecido tamén polo seu activismo á hora de denunciar abusos sexuais infantís, que el mesmo sufriu, estableceu a súa residencia en Madrid en 2017. Namourouse do noso país e mesmo escribiu un libro, Made In Spain, no que explica algúns dos motivos que o levaron a tomar esa decisión, entre eles o clima e a comida. Tamén, porque coma el mesmo recoñecería, «o ritmo de vida aquí é moito mellor». Agora parece que deixará a capital do Estado español oito anos despois da súa mudanza dende o Reino Unido para vir a Galicia, comunidade pola que xa ten expresado certo namoramento a través das redes sociais en momentos de vacacións ou cando ten que vir dar un concerto. Ocorreu este pasado xaneiro cando estivo na Ribeira Sacra, admirando a néboa sobre os canóns do Miño e do Sil. «Que maxia é esta?», compartía entón cos seus seguidores.    

Laxe, A Coruña ou Lugo son outras localidades que nas últimas semanas pisou Rhodes e onde mesmo sacou fotos coa súa cámara que acabou subindo ao seu perfil de Instagram. Os textos que acompañan ás imaxes están, ademais, escritos perfectamente en galego. A defensa das linguas cooficiais da península é de feito outro dos rasgos que definen a Rhodes nas súas publicacións, tamén en X (antes Twitter), dende que viu vivir a España.  

Agora semella que o músico vai dar un novo paso na súa relación con Galicia. Segundo unha das súas máis recentes publicacións nas redes sociais, xa está buscando casa para cambiar de residencia. «De camiño a Galicia e buscando casa para mercar. Non volverei a Madrid ata que atope unha», escribe. «É parte do meu plan para pasar a maior parte do meu tempo aquí e, finalmente, vender a miña casa en Madrid e pasar TODO o meu tempo nesta incrible comunidade», engade no texto. A paisaxe, a natureza e a tranquilidade son, polas palabras que emprega, as principais motivacións para converterse en galego de adopción: «Rodeado de cans, mar e verdor e a cadencia máxica do galego. Quero mudarme a Galicia e abrir un refuxio de cans». Antes de rematar a súa misiva, consciente da problemática que no verán supón a cada vez maior presenza de turistas foráneos na comunidade, que acabou por implantar o termo «fodechincho» para referirse a aqueles «invasores» que non respetan á poboación local, sinala que «sei que moitos de vós non queredes que outro fodechincho perturbe o voso fermoso ecosistema, pero prometo que serei respetuoso, tranquilo e considerado».