Patrocinado por

Premian «As palabras no Camiño II», do IES de Caldas

Cristina Barral Diéguez
c. barral CALDAS / LA VOZ

ACTUALIDAD

El IES Aquis Celenis de Caldas colabora con los hosteleros del municipio
El IES Aquis Celenis de Caldas colabora con los hosteleros del municipio IES

O proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística recibe 2.000 euros por un traballo cualificado de «excelente»

03 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis foi premiado pola Consellería de Educación. A iniciativa denomínase As palabras no Camiño II e obtivo a consideración de «excelente», logrando unha dotación económica de 2.000 euros.

Dende a dirección do instituto Aquis Celenis apuntaron que o proxecto involucrou a numeroso profesorado e alumnado na dinamización da lingua nun plan innovador. O produto final resultou na elaboración de nove vídeos deseñados no curso que vén de rematar. ¿De que tratan? Hai vídeos sobre as lendas, a gastronomía, a historia, a arte, a lingua, a música, a literatura, a auga e as fontes, xunto a outras xeneralidades do Camiño Portugués a Santiago. Estes vídeos, aos que se accede por medio de códigos QR, xunto con outra información sobre o patrimonio cultural e paisaxístico de Caldas, tamén elaborada polos estudantes do centro, está distribuída a través de trípticos e mantelería que se lle entregou á Asociación de Hostalería e á asociación de comerciantes Centro Comercial Aberto (CCA) de Caldas.

Este novo premio supón un recoñecemento ao labor de profesorado e alumnado en proxectos interdisciplinares nos que o centro contribúe á normalización da lingua.

Xunto a As palabras no Camiño II, do instituto de Caldas, foron premiados outros dous proxectos de centros da comarca de Pontevedra. Trátase da iniciativa Traballa cos teus soños, do CEIP Carballal, de Marín; e de #Sonmonte, do IES Illa de Ons, de Bueu. O resto dos gañadores son os centros da Coruña IES David Buján, de Cambre, e o CEIP Heroínas de Sálvora, de Ribeira.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un destes cinco proxectos recibirá unha certificación de «Primeiro Premio en Innovación Educativa», cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora, e de 20 horas para o resto do profesorado participante.