Patrocinado por

Vinte e cinco mil persoas ateigaron Revenidas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

ACTUALIDAD

MONICA IRAGO

O domingo vendéronse 500 quilogramos de sardiñas asadas en hora e media

13 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco días de festival para ateigar Revenidas, con vinte e cinco mil persoas pasando polo recinto de Vilaxoán, segundo as cifras da organización do evento. Delas oito mil na xornada do sábado, na que se esgotaron as entradas. O domingo foi outro día multitudinario, pero foi xornadas de portas abertas e a contabilización é moito máis complicada. Vendéronse cincocentos quilogramos de sardiñas asadas en pouco máis de hora e media. O dato da repercusión do Revenidas chega cando se comproba que tan so houbo tres provincias do territorio estatal nas que ninguén mercou ningunha entrada para o festival vilaxoanés.

«A aposta desta edición do Revenidas era complexa e ambiciosa pero finalmente superáronse incluso as expectativas máis optimistas», aounta Xoán Quintáns, un dos organizadores do festival. Unha organización que está moi satisfeita pola nova configuración do recinto, integrando nel o parque de Dona Concha, «que permitiu que en todo momento, incluso nos de maior afluencia, o público se puidera mover con comodidade e dispoñer de zonas de descanso», afirman.

O retorno económico

«A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. O festival xerou 150 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos», apunta a organización, que cifra en 1,2 millóns de euros o retorno económico que o festival xerou na hostalería, aloxamentos e outros sectores económicos de Vilaxoán e da comarca. Un modelo exitoso e que manterase en vindeiras edicións mantendo o protagonismo nos grupos galegos, como aconteceu neste ano.