Patrocinado por

Bamio presume de louceiras

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

ACTUALIDAD

Houbo un tempo no que os galeóns de Catoira traían o barro á parroquia e alí era descargado polas mulleres

27 feb 2024 . Actualizado a las 19:24 h.

«Louceiros de Bamio, do fondo da vila, marchades pra feira tocando a buguina». Estes son un dous poucos restos que se conservan da tradición oleira que tivo a parroquia vilagarciá de Bamio. Porque noutro tempo, dende fins do século XVIII ata mediados do XX, esta foi unha aldea louceira, conta a arqueóloga Beatriz Comendador, unha das responsables de organizar as xornadas que esta fin de semana tiveron lugar en Bamio e nas que se buscaba poñer en valor o papel que as mulleres tiñan tamén nesta labor. Esta profesional leva traballando desde o 2016, ao amparo do Proxecto Louceir@s de Bamio, xunto coa asociación de mulleres rurais e a Universidade de Vigo, para tentar recuperar a memoria deste oficio.

«Non conservamos ningunha persoa que traballara o barro, pero si que temos moitos indicios de que ese traballo se facía, coma esas coplas», conta esta arqueóloga. O que non estaba tan claro, ata o de agora, era o papel que tiñan as mulleres nesa labor. «Eran os homes os que modelaban o barro, pero agora sabemos que eran as mulleres as que o transportaban e se encargaban de extraelo», engade.

Comendador explica que Bamio era un núcleo louceiro, onde se fabricaban pezas para uso cotiá. Pero nesta parroquia vilagarciá, curiosamente, non había barro. Este chegaba, primeiro, en galeóns desde o veciño municipio de Catoira. «Descargábase na paria e eran as mulleres as que se encargaban de extraelo das barreiras e as que axudaban a descargalo», conta. A carga subíase ata a zona do campanario, onde había unha enorme laxe na que se preparaba o barro para facer unhas bolas enormes que, máis tarde, se levaban aos obradoiros para que puideran traballalo.

Aínda que eses barcos chegaron primeiro desde Catoira, despois tamén o facían desde outros puntos da ría, coma Vilalonga ou Dena. E convertéronse en verdadeiros medios de transporte, que permitían tamén a circulación de persoas e bens polas augas da ría. Tal e como quedou claro nas xornadas da fin de semana, «as mulleres participaban en toda a cadea de traballo» explica Comendador. Trasladaban o barro, recollían o estrume para alimentar os fornos, cocían as pezas e, por suposto, eran as encargadas de trasladalas aos mercados para poder vendelas. «Algunhas vendíanse nos mercados dos arredores e outras marchaban nos mesmos galeóns para venderse nas feiras de Pontevedra». Ese papel da muller neste oficio quedou esquecido, ao igual ca tradición oleira de Bamio. Pero grazas a este proxecto, cada vez se sabe máis desa historia que se perdeu co paso do tempo.