A gala «Galicia ilusiona» celebrarase no Auditorio da cidade
23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Día 1 de outubro • 20.30 horas • Auditorio de Ourense • 12 euros • A cidade acollerá o próximo día 1 unha das sesións da gala internacional «Galicia ilusiona». O proxecto, que conta co apoio do Xacobeo 2021-2022, está a percorrer a comunidade e inclúe entre as súas citas sete grandes sesións internacionais de maxia nas sete cidades galegas. No caso de Ourense participarán cinco dos mellores ilusionistas do mundo. Así, o día 1 de outubro, pasarán polo escenario do Auditorio o coreano Hyunjoon Kim, o belga Sebastian Dethise, dende Venezuela chegará Dania Díaz e Jimmy Delp viaxará dende Estados Unidos. A representación galega correrá a cargo de Dani Polo. O delegado da Xunta, Gabriel Alén, salientou na presentación da gala a aposta do Xacobeo por encher Galicia de actividades en todos os sectores —do deporte á gastronomía— e lembrou que o «Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona» inclúe nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar nos concellos galegos.
Maxia para doentes
Os días 30 e 31 de setembro a «Maxia solidaria» estará na Unidade de Pediatría do CHUO para actuar para os rapaces que non poden ir ao espectáculo do Auditorio.