Patrocinado por

A Pobra achegará a Valle-Inclán a todos os públicos coas súas xornadas

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

ACTUALIDAD

Araceli Abad, Patricia Lojo e Xosé Lois Piñeiro deron a coñecer o programa.
Araceli Abad, Patricia Lojo e Xosé Lois Piñeiro deron a coñecer o programa.

Os actos en recordo do creador do esperpento comezarán o venres 14 con protagonismo para as conferencias e as funcións teatrais

06 oct 2022 . Actualizado a las 17:32 h.

Co inicio do outono regresa unha das citas culturais xa clásicas da comarca, as Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán da Pobra, que cumpren a súa vixésimo cuarta edición. Case un cuarto de século dunha actividade que lévase realizando de forma ininterrompida, e que se programa arredor do 28 de outubro, data de nacemento do escritor. Os actos desenvolveranse na segunda quincena do mes de outubro, introducindo propostas innovadoras e educativas, facendo especial fincapé nas novas xeracións para achegarlles a vida e obra do creador do esperpento.

As xornadas presentáronse onte coa presenza da concelleira de Cultura, Patricia Lojo; o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e a técnica do museo, Araceli Abad. Lojo destacou que este é un evento «máis que asentado no calendario cultural galego. Isto motivounos a facer unha reflexión sobre o papel destas xornadas e do propio museo que as organiza e acolle. Froito desa reflexión, decidimos levar a cabo unha serie de cambios á hora de afrontar as deste ano».

Sobre isto tamén se pronunciou o rexedor, quen resaltou a variedade de actividades para todos os públicos, ademais de pór en valor as iniciativas levadas a cabo neste ano como, por exemplo, o concurso de carteis.

Programa

O venres 14, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da cita coa apertura dunha exposición dos traballos presentados ao primeiro concurso de carteis. Deseguido, o foco trasladarase ao auditorio onde, trinta minutos despois, impartirase a conferencia Valle-Inclán, un escritor de éxito? da man de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Os asistentes recibirán como agasallo a lámina gañadora do citado certame, obra de Sara Martínez. O apartado dos coloquios terá continuidade o venres 21, ás 20.30 horas no auditorio, con Josefina Blanco, unha actriz esquecida, a cargo de Xeila Iglesias.

Tamén haberá oco para a presentación da publicación da banda deseñada Valle-Inclán, los años del esperpento, de Manuel López Poy. Esta será o sábado 15 no auditorio, ás 20.30.

Nesta edición volverá a ter moito peso o teatro. MyH Producciones subirás ás táboas do Elma por partida dobre para interpretar Luces de bohemia de Ramón del Valle-Inclán. O domingo 16, ás 20.00 horas, a función estará aberta ao público adulto, mentres que o luns 17 o pase será exclusivo para estudantes do instituto pobrense. Precisamente estes mozos irán o xoves 20 á presentación no museo da representación Valle-Inclán e ti, de Artes Estudio.

No mesmos emprazamento, os días 25 e 27, con dúas sesións por xornada, Charo Pita interpretará O avó e outras historias para contar?, destinado aos colexios de primaria. Por último, e aberto á cidadanía en xeral, De Tal Cuento Tal Astilla levará De paxaros na cabeza ao museo o venres 28, ás 20.30 horas.

Para as escolas infantís deseñouse a actividade Pinta a Valle-Inclán, que se desenvolverá do 18 de outubro ao 2 de novembro. E, como colofón, o venres 29 procederase no Cantón da Leña, a partir das 12.30 horas, a realizar a tradicional ofrenda cívica no monumento de Valle-Inclán, que incluirá lectura pública de textos e estará amenizada pola Escola de Baile e Pandeireta Camariñas da Asociación de Amas de Casa. Tamén haberá ruada polo centro da vila con Os Caraveiros.