Un proxecto divulgativo redescobre a Galicia medieval con arte e música
12 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Acabar coa lenda negra que pesa sobre o medievo. Ese é o obxectivo da iniciativa Reencontro coa Galicia medieval que ata decembro peregrinará por Negreira, Padrón e Ferrol. Para iso conxuga arte, música e actividades divulgativas, incluíndo unha conferencia ilustrada e unha unidade didáctica dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato. «Da Idade Media temos unha idea absolutamente equivocada. Pensamos que é unha etapa escura, bruta... Todo isto vén de comparala coa antigüidade clásica e co Renacemento. [...] Sen embargo, nesa época póñense as bases sociais e políticas para a etapa moderna. Nacen as incipientes nacións. Dalgún xeito, na Idade Media estase a construír a Europa que hoxe coñecemos. Por iso é unha etapa que descubrir e reivindicar contra esa lenda negra», explicou o catedrático Xosé A. Ponte Far, coordinador desta iniciativa que organiza o grupo Medievalium Gallaecia.
O proxecto cultural, que conta co apoio da Xunta, empezará a súa andaina en Negreira —onde foi presentado onte— do 22 ao 31 de outubro. Despois viaxará ata Padrón do 3 ao 14 de novembro e rematará o percorrido do 3 ao 17 de decembro na sede de Afundación en Ferrol. Deste xeito, ese achegamento cara atrás a ese case milleiro de anos da historia tamén se fai a través da ruta xacobea, ao estar ligadas as tres localidades aos camiños de Fisterra, Portugués e Inglés, respectivamente.
Reencontro coa Galicia medieval inclúe unha exposición do pintor Pedro Castro Couto de aproximadamente 25 obras, todas elas con temática medieval reflectindo costumes, feitos históricos e lendas. «É a pedra angular do proxecto», incidiu Ponte Far. A inauguración da mostra estará acompañada dun concerto de música medieval a cargo do grupo Medievalium Gallaecia coa soprano e profesora do Conservatorio da Coruña Victoria Álvarez Acón, o zanfonista e frautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas.
Despois, noutra xornada, terá lugar unha conferencia ilustrada con imaxes sobre os castelos medievais galegos a cargo de Xosé A. Ponte Far. «Hai máis dun milleiro e terei que facer unha selección para contar a súa historia, anécdotas e falar da súa evolución ata hoxe», segundo anotou o profesor. A proposta complétase coa unidade didáctica A idade Media en Galicia elaborada pola catedrática María Eva Ocampo Vigo, que será entregada tanto aos concellos de Negreira e Padrón como a Afundación en Ferrol.
A comunidade escolar
Todas as entidades implicadas neste reencontro coa época medieval resaltaron a importancia de achegarse a esta etapa histórica. «Ten por obxectivo facer un breve percorrido a través de diferentes disciplinas por esa Galicia medieval da que cada vez coñecemos máis. E na que na súa recta final configurouse gran parte do que hoxe somos», resaltou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Pola súa banda, a coordinadora adxunta da área de cultura de Afundación, Paloma Vela, considera a iniciativa impulsada por Ponte Far «unha gran oportunidade de encher a nosa sede de Ferrol cunha ollada poliédrica á época medieval». Nese sentido, engadiu que non vai ser só unha viaxe histórica, senón tamén emocional a través da pintura e da música. Fixo fincapé na importancia da unidade didáctica para axudar a que a comunidade escolar «coñeza as raíces medievais».
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, celebrou que o proxecto permitirá gozar da colorista pintura de Pedro Castro Couto, que leva expoñendo desde os anos 70. Pola súa banda, o rexedor de Negreira, Manuel Ángel Leis, engadiu que «será unha boa forma de volver ao medievo e de coñecer os nosos antepasados». O rexedor animou ao público a acudir e participar nas diferentes actividades.