Patrocinado por

O festival de jazz de Lugo lembra a Tete Montoliu aos 25 anos da súa morte

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

ACTUALIDAD

De Chano Domínguez a Tete Montoliu. Chano Domínguez, Horacio Fumero e Carme Canela -na imaxe, nun recente concerto-, achegaranse a Lugo para homenaxear a Tete Montoliu.
De Chano Domínguez a Tete Montoliu. Chano Domínguez, Horacio Fumero e Carme Canela -na imaxe, nun recente concerto-, achegaranse a Lugo para homenaxear a Tete Montoliu. Marcial Guillén | Efe

Comeza este venres a 32.ª edición do festival, no que poderá verse, entre outros artistas, a Chano Domínguez, Kurt Elling, Sheila Jordan, Steve Turre, Billy Cobham, Henri Texier e Mark Turner

09 nov 2022 . Actualizado a las 19:08 h.

O encontro de jazz de Lugo homenaxea ao gran pianista barcelonés Tete Montoliu (1933-1997) cando se veñen de facer 25 anos da súa morte. Na 32.ª edición, o festival ofrece un concerto do cuarteto integrado por Ignasi Terraza (piano), Horacio Fumero (veterano contrabaixista que foi clave no acompañamento rítmico de Montoliu durante os seus últimos vinte anos), Aldo Caviglia (batería) e Carme Canela (voz), que chegará o venres 11 ao Círculo das Artes co pianista gaditano Chano Domínguez como convidado. A formación revisará unha manda de pezas que adoitaba tocar Montoliu, desde temas de seu ata composicións de músicos que amaba como Monk, Dexter Gordon e Ellington, ademais do seu querido Serrat e algúns boleros.

Pero o festival non queda aí. O seu menú é amplo e móvese nese mesmo terreo da excelencia con intérpretes de primeirísima orde internacional, como o cantante Kurt Elling (día 9), que se apoiará nun trío liderado polo guitarrista Charlie Hunter. Na xornada seguinte, unha das máis potentes da edición, poderase escoitar ao cuarteto encabezado polo saxofonista tenor Mark Turner e a vocalista de Detroit Sheila Jordan, toda unha lenda do jazz (acaba de facer 93 anos) centrada desde hai décadas na docencia, e que estará acompañada por José Carra (piano) e Bori Albero (contrabaixo). Lugo recibirá ademais a outros nomes fundamentais do jazz como o trombonista Steve Turre (día 15), o batería e mito do jazz rock Billy Cobham (17) e o contrabaixista francés Henri Texier (18), os tres en senllas formacións de quinteto.

Entre outros moitos artistas, o festival -que comeza este venres e rematará o día 20 de novembro- acollerá as actuacións do Valentín Caamaño Quartet, o sexteto Guzmán Group, a Kathrine Windfeld Big Band e o quinteto do saxofonista Vincent Herring e o trompetista Joe Magnarelli (que festexará o son de Lee Morgan).