O municipio acollerá esta fin de semana a primeira edición do festival Magosto Cuir
10 nov 2022 . Actualizado a las 11:46 h.O municipio de Chantada acollerá esta fin de semana a primeira edición do Magosto Cuir, un festival dedicado á reivindicación da diversidade sexual é a visibilización social do colectivo LGBTQ. A iniciativa encádrase nas actividades da Rede Aldear, que agrupa a diversas asociacións das provincias de Lugo e Ourense e que ten por obxectivo «promover e integrar a cultura nas aldeas» e «crear unha rede de espazos culturais ubicados en entornos rurais».
O Magosto Cuir é organizado polas asociacións Sacra Experience —radicada en Chantada— e A Casa do Río, que promove actividades en varios municipios lucenses. Segundo explican os organizadores, o seu obxectivo é similar ao do festival Agrocuir da Ulloa, de Monterroso, cuxa sétima edición se celebrou a finais do pasado agosto. «Pero o programa do Magosto Cuir será bastante máis modesto», sinalan.
As actividades comezarán ás 10.00 horas do sábado cun obradoiro de elaboración de «pandeiros veganos» —fabricados sen coiro— que se impartirá nun local sirtuado no número 5 da rúa Xoán XXIII. A partir das 18.30 horas haberá dúas actuacións musicais na terraza do restaurante e tapería adaRosa. O primeiro concerto correrá a cargo de Fergalicious, un artista que —segundo explican os organizadores— cultiva un «pop & rb con influencias da música folk e tradicional galegas e ibéricas, con letras tradicionais e populares e outras de Federico García Lorca». En segundo lugar, ás 19.30 horas, ofrecerase o espectáculo de humor e música Meiga-i, protagonizado por unha «drag pandeireteira» e interpretado polo artista Javier Sánchez. Despois destas actuacións arrancará unha nova edición do festival Cantos de Taberna, que coincide con estas xornadas.
O programa continuará o domingo na localidade de Pincelo, onde a partir das 12.00 horas haberá un obradoiro de percusión con pandeiro. Ás 16.00 horas comezará unha sesión de «conversas mediadas sobre sexualidade» que consistirá nun xogo de cartas por parellas. As xornadas pecharanse cunha actuación musical a cargo do artista Pin Pan DJ que comezará ás seis da tarde.
Os organizadores das xornadas precisan que as actividades do programa estarán aberta ao público de todas as idades. Tanto en Chantada como en Pincelo haberá degustacións das tradicionais castañas asadas.