Patrocinado por

O Trad Fest enche Santiago con 14 grupos de música de raíz

emma araújo SANTIAGO

VEN A GALICIA

XOAN A. SOLER

O festival programa trece horas de sons tradicionais con concertos e actividades en Bonaval e na Quintana

27 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A música tradicional galega está vivindo un novo rexurdimento no que os grupos e artistas que experimentan e traballan a partires dos sons de raíz teñen especial protagonismo. Esta é a esencia do Trad Fest, festival organizado por La Voz de Galicia e o Concello de Santiago coa colaboración da Xunta, e que forma parte, de xeito xa consolidado, das Festas do Apóstolo.

O festival acapara as propostas culturais deste domingo, 30 de xullo, o penúltimo día das celebracións máis importantes da capital galega. Exercer como tal, e en consecuencia darlle acubillo á musica propia, tamén é a filosofía do Trad Fest, que nesta edición conta con catorce grupos (dez galegos e catro internacionais) que polo día converterán Bonaval nun espazo de culto das novas apostas da música tradicional e, pola noite, soarán na Praza da Quintana, onde Verónica Codesal e Xurxo Fernandes pecharán o Trad Fest.

Precisamente, a artista galegobelga participou onte na presentación do festival para recoñecer a súa querenza por Santiago, onde presentará o seu último traballo 100 voltas, que conta coa colaboración de Mercedes Peón e os poetas Lucía Aldao, Rosa Fernández, Yolanda Castaño e Brais Fernández. E Xurxo Fernandes achegará o seu último proxecto, Levaino!, no que a música tradicional mestura sons de xudeus otománs cunha banda, PAN.SEN.FRON, na que soa a gaita, a dulzaina, o saxo, o baixo eléctrico, o teclado e a percusión, facendo equipo con cantareiras e pandeiretas.

A simboloxía de Bonaval como espazo de harmonía, no que conviven arquitecturas tan distintas como a de San Domingos (século XIV) e o CGAC, aplícase tamén ás propostas multiculturais e de estilos da oferta musical diúrna do Trad Fest. Así, Alba María aprenderalle á mocidade a forza da palabra a modo de regueifa con dous talleres, mentres os grupos Duplex (Bélxica), Mastika e Neizh (Bretaña) completarán as propostas internacionais. O cartel galego correspóndelle a Xoán Curiel, Brúa, Sindicato do Folclore, David Bellas e Iván Abal, Abril, Os Enxebres, De Ninghures e Mondra. Os dous últimos participaron en Sonemerxente, a aceleradora musical promovida pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a Fundación Paideia. Jacobo Sutil, director do Agadic, agradeceu a Víctor Belho, director artístico do festival, que se contase con estes grupos, e Pilar Lueiro, concelleira compostelá de Festas, invitou a gozar «desta festa rachada».