Aspiran a converter o castro verde de Pondal en BIC e incluílo nunha ruta literaria
VEN A GALICIA
Varias institucións queren oficializar unha vía «entre agras, carballeiras e devesas», cantadas polo bardo de Ponteceso
09 may 2022 . Actualizado a las 23:03 h.O recursos pondalianos son inesgotables. A Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Ponteceso contaron este sábado co asesoramento da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, no seu propósito de converter o Castro de Cerezo en Ben de Interese Cultural de Galicia e incluílo nunha ruta literaria baseada en lugares presentes nas poesías do bardo bergantiñán. Trátase de unir literatura, sendeirismo, Idade de Ferro, ornitoloxía e Idade Media nun percorrido «entre agras, carballeiras e devesas», segundo un proxecto que foi elaborado por Xosé María Varela e Adrián Varela.
É una ruta circular moi doada para camiñar, correr ou percorrer en bicicleta. Ten cinco quilómetros, con un desnivel acumulado moi baixo, só 90 metros, e pódese facer nos dous sentidos e con punto de saída e chegada na propia Fundación Eduardo Pondal.
Ademais das referencias literarias do autor do himno de Galicia, o circuíto está emprazado nun hábitat moi rico en aves migratorias. Pero o seu gran punto de atracción é un dos poucos castros que foron obxecto da pluma dun poeta, e que ten máis importancia aínda sendo, neste caso, obxecto de atención do autor do himno de Galicia, o «castro verde», o xacemento do Castro de Cerezo, onde o bardo situaba aos vellos guerreiros «en escuadrón formados/cal xente de Breogán/en falanxe de ferro ben tecida/que se presta a loitar». O recinto castrexo conserva en gran medida a súa muralla defensiva e gran parte do seu contido, argumenta Adrián Varela.
O espazo, o «val garrido», é rico en referencias toponímicas asentadas na poesía pondaliana: A Bouza, O Couto, A Graña, Carballido, Cerezo, A Brixería, coa súa fervenza e os seus muíños, O Briallo, Murazós, Mularedo, Pozo da Cancela e Agra de Mares e Agra de Montes. É para Pondal: «A terra que me criou». O seu «val nativo», constante en moitas das súas composicións. É necesario sinalar que entre todo este conxunto de lugares está a fervenza da Brixería e o conxunto de muíños da Pedrosa, unha combinación de grande atractivo paisaxístico e etnográfico.
Igual que para os lugares, hai outros elementos con importantes referencias de Pondal: «¡Ouh, mazarico!, que cantas no xuncal vougo e sombrizo». É a riqueza ornitolóxica outro dos valores do percorrido, coa presenza de aves limícolas e anátidas, poetizadas polo bardo.
Toda esta riqueza natural, literaria e arqueolóxica foi moi ben valorada por Rosario Álvarez. o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, ou a escritora Concha Blanco, patroa da Fundación, e que estiveron presentes na reunión, na que acordaron que se fixeran as xestións para solicitar á Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural para o castro, xestionar un plan para a sinalización do percorrido e oficializalo. Co propósito de que a ruta teña xa unha dimensión popular, acordaron convocar para o 30 de abril unha camiñada para dala a coñecer a todo o mundo e comezar así a súa divulgación.