Patrocinado por

Pedrafita queda sen o pan que Pepe do Seixo repartiu 33 anos

Lucía Blanco
Lucía Blanco LUGO / LA VOZ

COSAS DEL CAMINO

José leva máis de tres décadas facendo o reparto do seu pan tradicional.
José leva máis de tres décadas facendo o reparto do seu pan tradicional.

José Rodríguez colga o mandil despois de máis de tres décadas realizando o reparto do seu produto artesanal, que cautivou a camiñantes e veciños

01 jun 2022 . Actualizado a las 22:05 h.

«Ningúen é profeta na súa terra», pero José Rodríguez e Dorita Lolo García, donos da Panadería Pan Artesán do Seixo, están preto de selo. Levan máis de tres décadas elaborando de maneira tradicional un produto que se converteu en todo un símbolo gastronómico da zona. Unha actividade á que poñen fin despois de 33 anos alimentando a veciños de Pedrafita do Cebreiro, así como a peregrinos da ruta Xacobea.

Os inicios de José como panadeiro comenzaron da man da súa muller, que facía dende sempre bolos na súa casa. Unha vez aprendida a receita, decidiron elaborar o alimento para exportar a tendas de gastronomía galega en Barcelona. Pouco despois, comezaron a centrarse no servizo de reparto polo concello.

Fariña, «cun 30% do país como mínimo», auga, sal e masa nai son os ingredientes do Pan do Seixo. Todas as súas pezas, «amasadas e fermentadas en artesa», explica José, seguen a receita tradicional. E é que facer o pan «da mesma maneira toda a vida» foi a filosofía do seu negocio. Ademais dos bolos, as empanadas de atún, chourizo ou carne e os pasteis tamén se atopan entre as especialidades da panadería.

O seu foi «un labor continuo, xa que hai que traballar de noite e de día, e máis nun negocio pequeno coma o noso». De todo o procedemento encargábanse estes dous veciños do Seixo, que contaron coa axuda dos seus fillos e dalgún empregado, xeralmente natural da zona, para manter o carácter dunha «empresa pequena e familiar», destaca.

A elaboración de toda a vida

Como o seu era «un pan como o que se fixo sempre», o amasado comezaba pola tarde, aínda que se podía estender durante a noite ata completar o cupo de pezas, que deixaban descansar ata as sete da mañá cando José comezaba o reparto. Un labor que nin as condicións da zona, que dificultan o traballo, «especialmente en días de neve», nin a propia pandemia puideron frear. Durante a crise sanitaria, eles apostaron por seguir fabricando «o pouco que se vendía, por respecto aos nosos clientes», argumenta. 

compromiso e a calidade fixeron que o seu produto fora un imprescindible para os do concello e para a xente de paso «que coñecían o Pan do Seixo e que se achegaban». Un renome que tamén chegou a outras zonas fóra da comunidade, como en Bilbao ou Madrid, a onde realizaban envíos. Nos últimos meses, o encarecemento dos custes, especialmente da fariña, foi a gran preocupación do sector. «É algo que afectou e segue afectando, porque che doe subirlle o prezo ao cliente de cada día».

Se lle preguntan por un recordo sobre a súa profesión, José teno claro: «O máis especial era chegar ás tendas e aos negocios e ver que sempre te recibían cun sorriso». Precisamente, os seus clientes son o que máis vai a botar de menos. «Para min son coma unha familia, é algo que só se pode explicar se o vives», conta. Por iso, a xubilación supón, tanto para el como para Dorita, «un remate moi agridoce, sobre todo, o último día no que tes moitas emocións pola xente que te apoiou sempre».