Os alumnos de Tradescola percorren o centro da cidade con música e baile para da a benvida á festa do disfraz
22 feb 2022 . Actualizado a las 19:23 h.A Tradescola, a escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, levou a cabo na tarde deste martes un folión como acto de benvida do Entroido na cidade. Os alumnos e alumnas partiron do Centro de Artesanía e Deseño para ir marcando polas rúas lucenses os ritmos característicos do Folión, facendo diferentes paradas en distintas rúas e prazas do centro e pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do Entroido.
Con esta saída polo centro, Tradescola pretendeu que os lucenses deran a benvida ao Entroido e puderan participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que «unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo».
Os organizadores animaron aos asistentes a participar no Folión, puidendo empregar bombos ou ferramentas de todo tipo, como sachos, cunchas, latas, cornos, chocas, axóuxeres... O percorrido que fixeron foi, logo da saída do Centrad e ir pola Rúa Montevideo, foi o de Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raíña e remate na Praza Maior.
A cita de hoxe forma parte da programación que o Concello de Lugo organizou para este Entroido, e que conta con 15 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa, así como a volta do concurso de disfraces que o ano pasado non se puido realizar debido á pandemia.
O venres 25, as actividades continuarán co Pregón do Entroido, a cargo do músico local David Taboada, que por primeira vez se realizará fóra do Salón de Plenos, facilitando o acceso da veciñanza a este acto. O pregón terá lugar na praza Maior a partir das 20.00 horas, e unha vez remate continuarase coa coa actuación musical da charanga Unión Phenosa polo recinto histórico.