Os maios que se viron e soaron este domingo en Vilagarcía e O Grove
VEN A GALICIA

Vellos Tempos gañou o concurso celebrado na localicade meca na categoría de coplas
01 may 2022 . Actualizado a las 14:26 h.Vilagarcía, Cambados e O Grove veñen de demostrar que a tradición dos maios, esa coa que se celebra a chegada da primavera e se agradecen as colleitas, goza de boa saúde no Salnés. Os colexios seguen a ser o principal viveiro á hora de confeccionar os vistosos adornos vexetais e compoñer as cantigas, pero non exclusivamente. Tamén as asociacións culturais e persoas a título particular aproveitan para alimentar esta tradición, perfectamente compatible coa era do 4.0. Aí está o exemplo de Mónica Ferreiro Míguez e acompañantes, que este mediodía subiuse ao escenario montado no parque Miguel Hernández de Vilagarcía para actuar no festival. «Pipiripí, pipiripí, os do Anexo xa están aquí», proclamaban desde o palco os alumnos deste centro. Un palco que quedou pequeno para acomodar á tropa da Anpa do Arealonga, ampla e ben acompañada por un violonchelo, un violín, unha guitarra e varias pandeiretas.

Desde as ciclovías á ansiada normalidade. De todo un pouco se falou neste festival conducido por Ademar Silvoso e que quedou inmortalizado por ducias de pais, avós e tíos que o seguiron, teléfono en man. Na explanada, manteranse ata a tardiña os 41 maios elaborados para a ocasión, nos que se atopan desde as clásicas cruces feitas con flores ata un Pinocho ou unha peixería, con centola incorporada. Laranxas, lentellas e arroz, nada se desperdicia á hora de confeccionar os maios do 1 de maio.

No Grove tampouco faltaron este mediodía, e alí con premios. O primeiro clasificado na categoría de maios artísticos foi Concello Vello, de Eva María Piñeiro Garrido; a gañadora na modalidade dos maios tradicionais foi Carolina Gabriela Fita, e na categoría de coplas e interpretación, o premio levouno Vellos Tempos.