A festa de interese turístico galego de Taboada ten a súa orixe nas tradicións celtas
06 sep 2022 . Actualizado a las 16:43 h.Na madrugada do 7 ao 8 de setembro celébrase unha das tradicións máis seculares da provincia de Lugo. Trátase da festa da Queima das Fachas de Castelo no municipio de Taboada. Coa queima das Fachas ábrense as festas patronais da parroquia de Castelo dedicadas a Santa María.
Os veciños apostan desde hai anos por esta celebración que se desenvolve no castro de Castelo, onde se celebra desde fai máis de 2.000 anos. Trátase dunha tradición celta da que non se ten constancia escrita, pero si se coñece que se mantivo en época romana, ata o punto de que sobreviviu ata os nosos días.
A queima das Fachas, festa declarada de Interese Turístico de Galicia en outubro do 2008, encerra en si toda a simboloxía druída: utiliza o lume para queimar as fachas e o círculo e a planicie (sobre o castro de Castelo colócanse en círculo as Fachas). A función de queima é o que non está tan claro. Podería utilizarse como medio de comunicación con poboacións dos arredores, para dar aos habitantes do castro a posibilidade de ver pola noite cando celebraban algún tipo de reunión e/ou festa; ou ben como ritual máxico-relixioso. O que si se sabe é que este rito máxico mantense inalterable desde fai milenios.
A xornada de mañá, explican os membros da Asociación Cultura As Fachas, é un día de intensa actividade para os veciños de Castelo. As Fachas están preparadas nas casas, desde fai días e chega o momento de subilas ao castro e colocalas. O castro, unha fabulosa chaira nun alto, vai recibindo ás distintas fachas para as que se fai un buraco no chan, entérrase a base e coa axuda de varias persoas e suficiente habilidade levántase a Facha e asegúrase en terra, así unha tras unha, ata que toda a circunferencia do castro está rodeada de Fachas, alí permanecerán coa luz de media tarde esperando a que chegue a noite para ilas prendendo unha a unha.
Regreso ao pasado
«Hoxe, do que poden estar seguros, é que asistir á Queima das Fachas é unha viaxe á nosa cultura máis ancestral, é un contacto íntimo dun co infinito desde o círculo de lume, é vivir a sensación de que se está no mundo desde fai miles de anos e que non é a primeira vez que asistimos ao círculo de lume, é permitirnos soñar e purificarnos, é oír como se queiman as fachas e só ver lume e estrelas, mentres o castro se divisa desde todos os núcleos dos arredores», sinalan desde a Asociación Cultura As Fachas
A festa de Taboada, que organiza o citado colectivo cultural, conta co patrocinio do Concello, da Xunta de Galicia, do Xacobeo 21-22 e de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.