Tralos xogos da mañá, a actividade trasladouse á zona da Martela pola tarde
13 sep 2022 . Actualizado a las 09:54 h.Despois de varios días ameazando desde todos os boletíns meteorolóxicos con que ía chover durante a semana da Guadalupe, Rianxo amenceu este luns regado pola auga que caía do ceo. Pero deu igual. Era o día das juadalupeñas e as chuvieiras non as arredaron, tocaba enfundar a camiseta e suala nos xogos organizados no Campo de Abaixo, e así foi.
Certo é que os juadalupeñeiros foron un pouco preguiceiros e o inicio das probas retrasouse sobre o horario previsto, pero unha vez que a competición se puxo en marcha estivo do máis disputada. A chuvia condicionou levemente o desenvolvemento dos primeiros xogos, e, quizais por atoparse a pista esvaradía pola auga, a carreira de sacos foi un pouco trastabillada.
Houbo máis que palabras no xogo das cadeiras para non quedar sen asento, e máis de un necesitou un bo lavado de pelo para sacar os restos de ovo cru doutra das probas clásicas das juadalupeñas. Pero para clásica, a carreira de colectores do lixo, a competición máis agardada de cada luns da Guadalupe e na que os participantes se xogan o físico no relevo para ser os primeiros en acadar a meta. Non todos o conseguen, e os representantes da peña Bevax non estiveron moi atinados, porén, as súas camisas de estampado animal print en distintas cores podería ter gañado o premio á indumentaria máis rechamante do día.
A segunda quenda estivo, se cabe, máis desputada, tanto, que o equipo da peña Os Contaquintos acabou polo chan ao envorcarlles o contedor; e na terceira, no fragor da carreira, houbo incluso quen perdeu o calzado, pero seguiu coa competición coma se nada porque o importante é participar e, se se pode, gañar.
Moita música
Para cando remataron os xogos e comezou a sesión vermú, da que se encargou o grupo Eureka, na praza Castelao brillaba xa un sol radiante que permitiu a juadalupeñas e veciños en xeral gozar do primeiro baile do día e do xantar popular, que se celebrou no parque da Martela. As nubes volveron pola tarde, pero estaba todo previsto e baixo a carpa que se instalou para a ocasión puido celebrarse o Festivaliño, cos pinchadiscos Dumore, Groove Amigos, Traffic House, Bruno HF e Bruno Deejay.
A chuvia tampouco evitou que, pola mañá, a imaxe da virxe saíra en procesión para facer a tradicional visita á igrexa parroquial, para logo volver á capela do Campo de Arriba.
Aínda que si houbo que facer algún cambio no programa previsto, e Cántalle a Rianxo, unha actividade que se estrea esta Guadalupe e que pretende recuperar as coplas populares que se cantaban na vila, foi aprazada. Porén, segue en pé, e a comisión convida aos veciños a participar nesta proposta o venres ás 20.00 horas.
Rianxo reafirma os seus lazos co Concello de Padrón
Hai moito tempo que o Concello de Rianxo e o de Padrón se irmandaron e cada ano reafirman ese compromiso e reforzan os lazos que os unen durante as celebracións da Guadalupe. Os actos institucionais previstos para este martes na casa consistorial, coa recepción ás autoridades padronesas (18.30 horas), será unha das citas centrais da xornada.
Será tamén o día da cultura urbana dentro da programación festiva, e ao longo deste martes haberá distintos obradoiros de stencil art, grafiti, waterslide ou disyóquey. O grupo de música tradicional Silvaredonda encargarase da alborada e da sesión vermú na praza da igrexa (13.00), mentres que na praza Castelao tocará Furia Joven a partir das 14.00. Pola noite, esta orquestra compartirá verbena con Assia e con DJ Xacobo.