A VIVA VOZ | Ponteceso acolle mañá unha presentación desta ruta que xa se acredita coa Compostela e que xa están a percorrer peregrinos
21 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Costa da Morte e Barbanza son terra de Camiños. Mañá mesmo, sábado, ás 20.00, no Museo de Arte Contemporánea de Corme, da mando do Concello de Ponteceso, presentarase a Vía Céltica: os Camiños de Santiago dende os portos de Bergantiños e a Costa da Morte. Haberá música, coas pandereteiras do Roncudo, haberá castañas, pero sobre todo moita divulgación. Isto chegará da man do escritor cormelá Suso Lista e do historiador Joám Evans Pim, un dos autores do libro Vía Céltica: os Camiños de Santiago por Santa Comba, publicación impulsada pola asociación Costavales. Fala Joám Evans Pim sobre a ruta:
—En novembro do 2021 o Arzobispado autorizaba a concesión da Compostela a quen fixese a Vía Céltica. É un recoñecemento?
—Si, vén a recoñecer o traballo de investigación feito por Costavales, e este mesmo libro. E é un pouco o que impulsou a que xa haxa peregrinos andándoa: no que vai de ano, e a pesar de que boa parte dos tramos estean sen sinalizar e de que non haxa case divulgación, xa houbo quen completou a Vía Céltica e xa recibiu da man da Catedral esa Compostela.
—Onde comeza e onde remata?
—Rematar remata en Compostela, como o resto de Camiños de Santiago, pero o interesante desta Vía é que é un conxunto de itinerarios. Na época medieval, cando se realizaban as peregrinacións neste caso marítimas, non sempre arribaban a un mesmo porto ou a un mesma ría. Podía depender, por exemplo na ría de Camariñas e Muxía, de onde viñeses o vento. O que se quixo foi poñer en valor ese conxunto de itinerarios, dende distintos puntos de Bergantiños e da Costa da Morte, que logo acaban entroncando. No caso dos Camiños que veñen de costa de Bergantiños, tanto de Caión, como de Malpica, Corme ou o propio Ponteceso, navegable en época medieval, conflúen ou Pontedona ou Valenza. Logo seguen por Castriz ata Paramos, onde se xuntan coa variante que viría da ría de Camariñas e de Muxía, e que a continuación avanza por Portomouro. A ponte de Portomouro é, digamos, a que define o itinerario, ao ser un dos pasos principais sobre o Tambre, iniciando esa recta final cara Santiago.
—Por que é menos coñecida?
—Os Camiños de Santiago, ata principios dos 90, eran descoñecidos para case todo o mundo, excepto para as comunidades locais que, sobre todo en Anos Santos, facían esas peregrinacións. Tanto no Arciprestado de Célticos, que é de onde vén o nome da vía, como na zona central do Xallas pola que pasan todos os itinerarios, e tamén en Bergantiños, temos noticia xa dende finais do século XIX de que, en todos os Anos Santos da primeira metade do século XX, houbo peregrinacións masivas organizadas polas parroquias. E ían por ese Camiño. Falamos de tempo recente porque é do que temos rastro na hemeroteca. Ocorre que coa popularización dos Camiños de Santiago a finais dos 80 e principios do 90, pois toma un protagonismo enorme, por ter tamén máis pouso histórico, o Camiño Francés. Iso non quita que houbera outros camiños fraceses. Hai documentación medieval en Buño de que houbo un hospital de peregrinos, xa no XIV: fala dun camiño francés de Malpica a Buño para Santiago. Eses camiños quedaron relegados ao esquecemento, e son os que se queren recuperar con este proxecto que tamén é de recuperación histórica.
—Xa presentaron a obra na Mostra de Camariñas, por exemplo.
—Moi interesante, porque en Camariñas, e tamén na ruta que parte de Corme ou de Barizo, un dos elementos que máis chama a atención é que atopamos igrexas románicas cun rastro simbólico clarísimo das vías de peregrinación, o axedrezado ou taqueado jaquense. É moi típico do románico típico dos Camiños: algunhas igrexas reformáronse e perdérono, pero noutras mantense.
—Parece o Concello de Ponteceso dos máis implicados na divulgación da Vía Céltica. Agardamos que os demais se sumen?
—Si... Costavales era de Santa Comba, e por iso todo isto pempezou por alí, pero en realidade a Vía implica a unha vintena de concellos. Non só pasa por facer presentacións, senón polo máis difícil, pero tamén mais gratificante, que é recuperar e poñer en valor esas vías, moi importantes ademais por todo o patrimonio que conteñen. É unha forma de que eses elementos se coñezan e protexan, e obviamente ha de haber un traballo de acondicionamento, sinalización... Iso é algo que só poden facer os Concellos.
—Que pode traer a Vía Céltica para Caión, Malpica, Laxe, Ponteceso, Corme, Barizo, Camariñas, A Ponte do Porto, Cereixo, Muxía, Cee ou Corcubión, todos eses posibles puntos de orixe?
—Tráenos, en primeiro lugar, orgullo. Orgullo de recuperar unhas vías esquecidas en grande medida, sobre todo a partir dos 50, cando as estradas máis modernas substituíron a estes que tamén moita xente coñece como camiños reais. Tamén é unha boa oportunidade de articular, integrar e recuperar todo o patrimonio que hai por volta deses itinerarios e obviamente, vendo o que pasou noutros Camiños, pode ser ademais unha oportunidade de dinamizar economicamente as zonas rurais polas que pasa a Vía: hostalaría, aloxamentos...