Patrocinado por

«Non é doado atopar algo como as Festiletras por Galicia adiante»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

¡INCLÚE ÁLBUM DE FOTOS! Logo dun animado sábado, a celebración, en Ponteceso, encara a súa derradeira xornada. Virá cargada de propostas: concertos, artesanía, Bo e Xeneroso para Gayoso... 

04 sep 2022 . Actualizado a las 23:27 h.

«Quen non viñera á aldea do Couto no Festiletras ten que probar algunha vez na vida, e seguro recunca», dicía a escritora Rosa Aneiros o venres. O actor malpicán Santi Romay engadía os seus tres motivos para acudir: «Lingua, cultura e aldea, tres cousas vitais na miña vida». Concertos, feira de artesanía, música e baile tradicional, os peliqueiros de Castro —que acudían por vez primeira— coa súa Farrapada e sacando á súa vaca Morena a picar na xente... Algarabía, coleiros... Unha cousa e a outra deixaron onte a Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, «francamente sorprendido». Era o Día de Provincia, acudiu a conmemoralo e viu aquilo «incluso mellor ca sempre», «coa boa idea de espallar as propostas pola aldea». O ente provincial levou ao Couto a súa caravana informativa e tamén un globo aerostático que, a causa do nordeste, non puido subir. Agardaban a última hora poder amosalo iluminado, inchado, ou achegar aos pequenos á cesta.

ANA GARCIA

Regueira, confeso admirador do arte urbano, fixou mirada no bo número de murais que xa hai polo Couto, este ano sumando tres, un deles o de Mutante Creativo, financiado precisamente dende a Deputación. «É un milagre que nunha aldea tan pequena e rural coma O Couto haxa un evento coma este, e que dure tantos anos. Non é doado atopar isto por Galicia adiante», afirmou Regueira, acompañado no seu periplo por Lois García, alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal.

ANA GARCIA

Están satisfeitos no Couto da asistencia destes tres días, con nutridos concertos o venres e concorridas actividades onte. Dende os concertos de MJ Pérez, Rosalía Fernández e María Álvarez na Eira de Pailetes ás múltiples presentacións literarias da tarde, caso de María Canosa, entre outras moitas. Para a noite quedarían aínda dous dos pratos fortes desta edición, Rodrigo Cuevas e Baiuca, con recua de amigos sobre o escenario. O escenario Fundación Pondal, ateigado.

ANA GARCIA

Aldeas Singulares, con seis experiencias de espazos rurais que albergan e promoven citas culturais, Escola do Alprende, Oîma, Pan Sen Fron, novamente Os Peliqueiros Castrexos, Belém Tajes, Pandereteiras do Roncudo, Banda de Música de Xinzo e Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre son os piares do programa de hoxe, domingo, que pechará así os 40 anos de Festiletras.

ANA GARCIA

Unha efeméride especial que traerá consigo, ademais, o primeiro premio Bo e Xeneroso de Honra. Entregaráselle a Xosé Ramón Gayoso, presentador e comunicador, polo apoio á divulgación de música e baile tradicional, á raíz, en Luar.

O programa de hoxe, domingo, en detalle

Mostra de Artesanía. Dende as 11.00 horas en adiante.

Aldeas Singulares. Sétima edición. Ás 11.00, na Eira de Gervasio. Panel de experiencias sobre iniciativas rurais. Acto aberto ao público. Modera Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz de Galicia en Carballo. Participan Xosé A. Touriñán, en representación de Castelo Conta; Rodrigo Cuevas, por «Unha señora festa»; Pedro G. Boquete, xerente de Deleite; Ramón Varela, por parte da Escola do Alprende de Oza; Arume de Berdillo e a aldea de Castro de Laza.

A Banda de Xinzo fará tamén un pasacabanotes a mediodía.

Escola do Alprende. Actuación da agrupación de Oza, ás 12.00, na Praza do Quinteiro.

Concertos. Eira de Pailetes. Ás 13.00, concerto de Oîma. Ás 14.00, actuación de Pan Sen Fron. Ás 15.00, pasacabanotes con Xa Era Hora e peliqueiros Os Castrexos. Belém Tajes e Pandereteiras. Tamén na Eira de Pailetes. Ás 16.00, Belem Tajes, que ten novo LP na rúa. Ás 17.00, Pandereteiras do Roncudo.

Banda de música de Xinzo. Ás 17.00, na Praza do Quinteiro. Sumarán voces Antonio Borres e tamén Ialma.

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Ás 18.00 horas, no Escenario Fundación Pondal. Volve Díaz ao Couto: aquí foi recoñecido como Bo e Xeneroso hai dous anos, no 2020. Nos momentos iniciais, antes do concerto, entregarase o premio Bo e Xeneroso de Honra ao comunicador Xosé Ramón Gayoso.